Preto de 19.000 persoas citadas este sábado para a primeira vacinación masiva da Galiza

Un dispositivo de vacinación contra a Covid-19, na Cidade da Cultura. (Foto: Arxina / Europa Press).
A campaña diríxese ao grupo entre 50 e 55 anos nas sete áreas sanitarias, comezando pola letra H. Recibirán a primeira dose da marca AstraZeneca.

Este sábado arrinca na Galiza a primeira vacinación masiva contra a Covid-19, nunha xornada na que están citadas case 19.000 persoas de entre 50 e 55 anos que se inmunizarán de forma simultánea en dispositivos nas sete áreas sanitarias. A citación para a campaña de vacinación masiva realizouse a partir dos apelidos da letra H, elixida por sorteo.

O proceso farase integramente con vacinas de AstraZeneca, arredor da cal saltou a polémica os últimos días. Segundo confirmaba onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a Galiza recibiu parte do lote desta marca que está a ser investigado e que levou a países da Unión Europea como Austria ou Dinamarca a suspenderen temporalmente a súa inoculación.

Porén, a Consellaría remitiu un comunicado asegurando que, após contactar coas persoas que recibiran a vacina, non se rexistrou "ningunha reacción grave".

Para a realización do dispositivo, a Cidade da Cultura acolleu a pasada quinta feira unha proba piloto na que se inmunizou a 1.000 persoas da área de Compostela. Con isto, a cifra total de vacinados deste grupo esta semana ascenderá a 20.000.

Nesa proba do Gaiás comprobouse todo o dispositivo, a organización de chegadas, identificacións, fluxos de personas e esperas, así como o sistema de citación, que combina un SMS cos datos da cita e un código QR cunha chamada posterior de confirmación. Aliás, a cita figura no apartado correspondente da web do Sergas de cada paciente.

No proceso combinaranse infraestructuras sanitarias e outras de uso civil habilitadas para acoller grandes cantidades de xente, como Expourense, Expocoruña ou ou o Ifevi. A de Vigo será a máis numerosa e a máis longa. 

En concreto, na área sanitaria da Coruña están citadas 4.000 persoas, 2.500 na de Lugo, 2.150 na de Ourense, 2.200 na de Pontevedra, 4.400 na de Vigo, 2.400 na de Compostela e 1.300 na de Ferrol.