As primeiras horas de temporal deixan ventos de até 136 quilómetros por hora

Grandes ondas en Ribadeo polo temporal. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A borrasca deixou algunhas incidencias, fundamentalmente caídas de árbores en estradas secundarias e algún desprendemento de fachadas de edificios, aínda que ningunha de consideración.

A borrasca que mantén en aviso laranxa por temporal a costa galega deixou fortes ventos no litoral e tamén no interior do país, onde se rexistrou a xeira máxima das últimas horas cos 136 km/h captados en Muras (A Terra Chá). Ao longo da madrugada e primeiras horas do segundo día do ano 2024, o vento pasou o limiar dos 100 km/h en varios puntos da xeografía galega, segundo recollen os datos de Meteogalicia.

Ademais do pico máximo cos 136 km/h de Muras, Cedeira (Ferrolterra) rexistrou unha xeira de 129 km/h ás 8.30 horas en Punta Candieira. Os 116,7 km/h en Lardeira —Carballeda de Valdeorras—, os 119,9 kh/h de Abandín (A Terra Chá) e o 109,9 km/h en Monfero (Eume) foron outros dos puntos con ventos máis fortes das primeiras horas desta terza feira, no que permanecen activas varias alertas relacionadas co temporal.

A borrasca deixou algunhas incidencias, fundamentalmente caídas de árbores en estradas secundarias e algún desprendemento de fachadas de edificios, aínda que ningunha de consideración, segundo trasladou a central de emerxencias do 112-Galiza.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou a alerta laranxa por temporal costeiro para o día de hoxe no litoral noroeste da Galiza. Segundo a Aemet, o fenómeno meteorolóxico adverso comezou xa de madrugada. Haberá ventos do suroeste de forza 8, de 62 a 74 km/h. A borrasca vai deixar tamén xeiras de vento en nivel de alerta amarela no resto da costa do país, de forza 7.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, Emerxencias, a través do 112, informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. No caso de concellos con plans de emerxencias municipais (PEMU), recoméndase a súa activación en fase de preemerxencia.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, como diques e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.