Os primeiros cen migrantes de Malí chegan ao Monte do Gozo

Chegada dun centenar de migrantes refuxiados da guerra de Mali ao albergue do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O complexo compostelán do Monte do Gozo recibe as primeiras persoas refuxiadas procedentes das Canarias. Agárdase que para agosto cheguen máis, algunhas con destino a outras localidades galegas.

As instalacións do complexo do Monte do Gozo, en Santiago, preparáronse esta terza feira para recibir ás primeiras cen persoas refuxiadas da guerra de Malí. Forman parte das algo máis de 200 que acollerá a capital galega nos vindeiros días, xunto coas 64 que viaxarán até Lugo, segundo informou a Delegación do Goberno español na Galiza. Derivadas desde as Illas Canarias, as migrantes contan con solicitude de asilo no Estado español. 

Ademais, tal como se acordou na conferencia sectorial,  a Galiza recibirá na primeira quincena de agosto a 14 migrantes que son menores de idade, correspondentes á repartición de 2023, para os que se dispón de todos os centros e casas de acollida preparadas. 

A chegada de migrantes á Galiza xerou nas últimas semanas tensións e diferenzas, mesmo nas cifras, entre o Goberno español e a Xunta da Galiza. Mentres, desde Madrid insisten en que serán aproximadamente 470, a Xunta afirma que o número chegará a 700.

Menores migrantes

Por outra parte, esta terza feira mesmo, a conselleira de Política Social, Fabiola García, informaba, en resposta ás preguntas dos medios nun acto oficial en Pontevedra, que a Galiza acollerá a 14 menores migrantes procedentes de Canarias, que chegarán ao longo da primeira quincena de agosto.

Segundo detallou, estes menores forman parte da repartición correspondente ao ano 2023 e chegarán ao longo da "primeira quincena de agosto". A Xunta, confirmou Fabiola García, xa ten "todos os dispositivos" listos para a súa chegada, como centros e casas de acollida.