A privada gaña cada vez máis espazo no ensino galego

Estudante en aulas (Imaxe: Europa Press)

Desde que o PP voltou ao Goberno galego (2009) até agora, as unidades en centros de ensino privado aumentaron até representar case 25% do total.

A privada vai paso a paso gañando espazo e presenza no ensino galego. Unha realidade que plasma no seu último informe o Consello Económico e Social (CES). O estudo, incluído na súa memoria correspondente ao exercicio 2023, reflicte como desde o ano 2008 até hoxe foi en aumento o número de unidades en funcionamento nos centros privados, en detrimento dos públicos. Por unidades, explica o CES, enténdese o grupo de alumnado que ten un mesmo titor e que cursa gran parte do seu horario lectivo conxuntamente.

En 2008 había na Galiza 19.337 unidades en funcionamento, cifra que aumenta lixeiramente en 023, con 12.376. Mais nestes anos deuse unha evolución, Se daquela, menos de 24% desas aulas estaba en centros privados, agora é 1 punto máis, e xa representan 25%, 1 de cada 4. Este avance correspóndese coa mingua da cifra de unidades nos centros públicos, que pasou de 76,1 a 75,1%.

Esa situación non se produciu ao mesmo nivel ou rimo nos diferentes graos do ensino. Así, é moito máis evidente na educación infantil. Entre 2008 e 2013 pasouse aquí de 3.412 aulas a 2.711, o que supón que se perderon 701. Unha perda que non padeceu igual a pública que a privada.

Así, o CES recolle na súa memoria como se ben en 2008 de todas as unidades de infantil, case 74% estaban en centros públicos e só 25,6% nos privados; agora as aulas en centros privados xa representan 31,2%. De ser 1 de cada 4 en 2008 son agora case 1 de cada 3.

Tamén na ESO foron en aumento as unidades nos centros privados fronte aos públicos. Pasaron de ser 26% do total a ser agora 27,6%. A tendencia é moito máis acentuada en educación especial. Se en 2008 as unidades en centros privados eran 40% do total agora xa son case 53%. Un aumento de 13 puntos en tres lustros.

O Consello Económico e Social rexistra que no último curso, 2023-2024, existen na Galiza 1.358 centros de réxime xeral en funcionamento no ensino, tres menos que no curso anterior, dos que 78,9% son de titularidade pública e 21,1%, privada.

A maior porcentaxe de centros privados localízase nos centros que imparten conxuntamente educación primaria, ESO e ensinanzas postobrigatorias, xa que os 71 centros existentes na Galiza no último curso son de titularidade privada, fronte aos 10 centros que imparten exclusivamente educación de adultos, que son todos de titularidade pública.

No período 2008‐ 2023 o descenso do número de centros prodúcese tanto nos centros de titularidade pública, con 174 centros menos no dito período (12,2%) como en menor medida nos centros privados, cun descenso de 6%.

A redución no número de centros no período 2008‐ 2023 afecta fundamentalmente aos centros que imparten en exclusiva educación infantil, con 114 centros menos, o que supón unha caída de 52,5%, dos que 103 son centros de titularidade pública.

Tamén cómpre salientar a caída no número de centros que imparten educación infantil e primaria, que pasan de 683 no ano 2008 a 629 en 2023, 54 centros menos.