Ensino

A proba de galego inaugura esta terza feira a primeira xornada da ABAU

Exames de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
13.446 estudantes examínanse até a quinta feira

Un total de 13.448 estudantes galegos, ao redor de 600 máis que o ano pasado, están matriculados para participar entre hoxe e a quinta feira —4, 5 e 6 de xuño— na convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) na Galiza. Será o quinto e último ano que se faga co ‘modelo covid’, que permite unha maior optatividade ao responder as preguntas, antes da reforma impulsada polo Goberno español e que entrará en vigor, en principio, en 2025.

Os exames do que antes se coñecía como selectividade congregarán estes máis de 13.400 aspirantes –case 13.000 polo modo ordinario, máis outros 452 que requiren necesidades específicas de apo-io educativo– en 36 centros esparexidos nunha decena de localidades galegas. Á parte de en facultades das sete principais cidades (A Coruña, Compostela, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense), celebraranse en institutos de Cee (Fisterra), A Rúa (Valdeorras) e Viveiro (A Mariña).

A maior parte dos estudantes acudirán a realizar as probas a Vigo (2.937), Santiago (2.856) e A Coruña (2.846). Tras estas, as sedes máis concorridas serán os campus de Pontevedra (1.325), Ourense (1.126) e Lugo (1.017.

Como todos os anos, en todas as localidades hai aulas especiais para os alumnos con necesidades de apoio (NEAE). A esta súmase outra sede a maiores que a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) habilita en Pontevedra, en colaboración coa ONCE, para os que necesiten un apoio máis específico ou que conten con algunha discapacidade .

Probas

A ABAU 2024 arrincará hoxe ás 9 horas cunha presentación tras a que virá o primeiro exame, que este ano por primeira vez será o de Lingua Galega e Literatura, ás 10 horas. O segundo será ás 11:30 horas, tras un receso de media hora, o de Primeira Lingua Estranxeira —xeralmente inglés, aínda que tamén se pode escoller francés, alemán, portugués ou italiano—.

Polo xeral, o alumnado fan un total de sete probas ao longo das tres xornadas que dura a selectividade. Son cinco correspondentes á parte obrigatoria que, xunto coa media de Bacharelato, permiten obter até 10 puntos; máis outras dúas de materias específicas –aínda que optar por examinarse de máis– que permiten subir nota, até 14.