Exixen da Consellería de Sanidade, de quen dependen, “unha maior responsabilidade”

Os profesionais denuncian o aumento do risco sanitario en Galiza polos recortes e deficiente organización

Os farmacéuticos inspectores de Saúde Pública din que cada ano hai máis enfermidades relacionadas coa saúde ambiental. “Sanidade reduciu drasticamente o número de inspeccións e análises desde o ano 2009 en aspectos tan fundamentais como os abastecementos de auga municipais ou de colexios, piscinas, control da lexionelose, produtos químicos ou biocidas”.

Os farmacéuticos inspectores de Saúde Pública de Galiza, dependentes da Consellería de Sanidade, concentraranse esta quinta feira, 10 de decembro, en Compostela, unha mobilización coa que queren emprazar á Xunta a asumir as súas responsabilidades neste campo. Este corpo alerta de que en Galiza aumenta o risco sanitario, que cada ano hai máis enfermidades relacionadas coa saúde ambiental no noso país, e que iso ten causas: recortes e falla de persoal e de material, e deficiencias na organización. “Sanidade, reduciu drasticamente o número de inspeccións e de análises realizadas polos inspectores desde o ano 2009, en aspectos tan fundamentais como os abastecementos de auga municipais ou de colexios, piscinas, control da lexionelose, produtos químicos ou biocidas”.

Nestas últimas semanas, lembran, comunicáronse á poboación “importantes alertas sanitarias de tipo ambiental, como foron o declarar a auga de Ferrol non apta para o consumo ou o abrocho de Lexionelose en Lugo”. Unhas alertas que, denuncia este colectivo de profesionais, puxo de manifesto “a incapacidade da Consellería de Sanidade para xestionar estas situacións de crise debido, principalmente, a unha falta de medios e a unha deficiente organización dos servizos de inspección”. 

"Non son feitos illados"

“Queremos subliñar que as alertas sanitarias de Ferrol e Lugo non son feitos illados”, sinalan, afirmando que se producen “con frecuencia numerosas situacións” que poderían desencadear alertas similares. E apontan que no noso país cada ano “aumentan os casos de enfermidades relacionadas coa saúde ambiental debido ao escaso número de inspectores existentes e á falta de medios, resultando imposible abarcar a totalidade das instalacións para inspeccionar (9.211 establecementos segundo a memoria publicada en 2014 pola Consellería de Sanidade)”.

E a estas eivas, engaden outra: a ausencia de vixilancia sanitaria fóra do horario laboral destes, xa que non existen quendas de garda “que cubran calquera alerta sanitaria que xurda durante as tardes ou os fins de semana”.

 

Ante a proposta de que exista unha estrutura adecuada de inspección cunha mellor organización e maiores recursos, a Conselleria de Sanidade, incriblemente, pretende reducir o número de inspeccións a realizar, e o número de inspectores, a pesar de que con iso aumenta o risco sanitario para a poboación.