Educación

Profesorado, alumnado e familias, contra os recortes no ensino

Protesta ás portas do CEIP Pedrouzos de Brión, esta segunda feira. (Foto: Anpa Andaravía do CEIP Pedrouzos)
En Brión protestan para que a Consellaría que "cumpra as ratios".

Asociacións de Nais e Pais (Anpas) de múltiples comarcas da Galiza levan varias mobilizacións en setembro rexeitando  os recortes en medios persoais e materiais e dos que responsabilizan a Consellaría de Educación. Co comezo do curso 2024-2025 a comezos de mes foron sucedéndose as protestas, concentracións, escritos e mobilizacións convocadas por Anpas denunciando o "incumprimento" por parte da Administración galega do acordo asinado con estes colectivos o pasado 10 de xaneiro.

O CEIP Pedrouzos de Brión  (comarca de Compostela) é un dos centros afectados e esta segunda feira volveu protagonizar unha protesta de nais, pais, alumnado, persoal docente e veciñanza para reclamar a Educación que "cumpra as ratios" e todos os seus compromisos con este centro.

Tamén esta segunda feira, nais e pais dos centros educativos A Xunqueira 1 e 2 de Pontevedra concentráronse antes do pleno municipal, que aprobou pedir á Consellaría de Educación "rematar cos recortes".

A Confederación de Anpas Galegas convocou para esta terza feira senllas concentracións diante dos colexios de Arcediago (Santiso, Terra de Melide), Barouta e Ventín (Ames, comarca de Compostela), A Ramallosa e Calo (Teo, comarca de Compostela), Os Dices (Rois, O Sar) e Fontiñas e Quiroga Palacios (Santiago). Unhas mobilizacións apoiadas pola CIG-Ensino —sindicato maioritario no profesorado—, que alega que "non se recorda nos últimos anos tanto malestar a comezos de curso por falta de persoal".

Esta terza feira concentraranse igualmente en Vigo, no centro educativo da rúa Aragón. E a finais de semana haberá outra en Lousame (comarca de Noia), ao tempo que as familias do CEP O Pindo de Carnota (comarca de Muros) seguen sen levar as crianzas ao centro e concentrándose nas portas do centro escolar. As declaracións do conselleiro Román Rodríguez minimizando estes problemas non fixeron máis que acrecentar o malestar das Anpas.