Propoñen Pfizer para completar a vacinación dos menores de 60

Fileiras para recibir a primeira dose de AstraZeneca a comezos de abril en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A vacina de Pfizer foi a recomendada polo Ministerio de Sanidade ás comunidades autónomas para completar a inmunización das persoas menores de 60 anos que xa recibiron unha dose de AstraZeneca e que están á espera da segunda a causa da suspensión do fármaco nese grupo de idade. 

O Ministerio de Sanidade propuxo ás comunidades autónomas nunha reunión mantida esta terza feira, 18 de maio, completar coa solución de Pfizer-BioNTech a vacinación contra a Covid-19 das persoas menores de 60 anos ás que lles foi administrada en primeira dose a solución de AstraZeneca.

A proposta parte dos resultados obtidos por CombiVacs nun ensaio posto en marcha polo Instituto Carlos III e que analizou o impacto da combinación de ambas as vacinas durante 14 días e que apunta que administrar Pfizer a quen xa recibiu unha dose de AstraZeneca completa a protección sen efectos secundarios de relevancia.

A principios de abril, o Ministerio de Sanidade tomou a decisión de vacinar con AstraZeneca só persoas maiores de 60 anos pola aparición de eventos trombóticos "moi raros" sobre todo en persoas de menor idade, seguindo o exemplo doutros países europeos como Francia ou Alemaña.

Esta restrición provocou que moitos menores de 60 que recibiran unha dose de AstraZeneca non puidesen levar a segunda inxección. As persoas afectadas e que están á espera da segunda vacina son até 60.000 na Galiza, principalmente persoal esencial como profesorado ou policías.

Horas antes da reunión de de Sanidade, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, reafirmou a súa postura sobre a vacinación: administrar a segunda dose de AstraZeneca a todos aqueles que xa recibiran a primeira.

"É o que expoñen os expertos do Sergas, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) e a ficha do medicamento acreditan que o razoábel é administrar unha segunda dose ás persoas que se lles administrou a primeira", esgrimiu.

"Respectamos moito a opinión do Ministerio, pero sorprende que haxa unha diverxencia entre a EMA e o Ministerio", dixo, antes de subliñar, en relación ao estudo do Carlos III, que "facer un ensaio clínico con 400 ou 600 persoas" non parece "un feito determinante" para "deixar sen efecto a decisión da EMA".