Proposta de sanción a Endesa pola turbidez do Eume: un millón de euros por 2 infraccións moi graves e outro millón por danos

Encoro do río Eume a finais de setembro de 2020 (Foto: Colectivo Terra)

Augas de Galiza considera “suficientemente probado” que a empresa que xestiona a presa do Eume realizou “un proceso de descenso continuo no réxime de explotación do encoro por debaixo da cota habitual mínima declarada coa fin de optimizar o rendemento enerxético”

Case 2 millóns de euros terá que desembolsar Endesa se finalmente a proposta de sanción elaborada por Augas de Galicia sae adiante en relación ao caso do encoro do Eume, onde a turbidez e contaminación do río en 2020 obrigou a Xunta a declrara a situación de emerxencia e chegou a deixar sen auga a Pontedeume por varios días, entre outras consecuencias.

Augas de Galicia, nunha proposta de resolución á que tivo acceso Nós Diario, considera a Endesa Generación SA responsábel de cometer 2 infracción “moi graves” na Lei 9/2010 de Augas de Galiza. Unha, con proposta de multa de 600.000 euros, por “desatención do requirimento que por motivos de seguridade efectuou a Administración Hidráulica en relación co réxime de explotación do encoro”. A segunda, con multa de 350.000 euros, por “incumprimento das condicións do réxime de explotación do encoro do Eume establecidas pola Administración Hidráulica”.

A isto habería que engadir unha terceira proposta: “Os danos ao dominio público hidráulico están valorados en 932.284,45 euros, cuxa a reparación será esixíbel á infractora en concepto de indemnización nos termos expresados”.

Endesa ten agora 15 días para presentar alegacións a esta proposta de resolución.

O expediente a Endesa polo episodio de turbidez no río Eume por mor da xestión do encoro suporía, pois, un montante total para a empresa de case 2 millóns de euros. En outubro pasado, a Administración galega incoou un expediente á compañía eléctrica pola súa "neglixente" xestión do encoro. A directora xeral de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, afirmou daquela en comisión parlamentar que Endesa o fixera "rematadamente mal" e relacionou o baixo nivel das augas da presa a esa deficiente administración.

No texto da proposta de Augas da Galiza establécese como “feitos probados” que Endesa Generación SA, “modificou o réxime de explotación do encoro sen autorización administrativa: Endesa comezou o 27.07.2020 un proceso de descenso continuo no réxime de explotación do encoro por debaixo da cota habitual mínima declarada (306 msnm) co fin de optimizar o rendemento enerxético, sen contar coa autorización expresa da Administración Hidráulica, acadando o 05.08.2020 a cota mínima de 301,48 msnm”.

A isto engade que a eléctrica “desatendeu as ordes efectuadas por medio dun requirimento debidamente notificado a que por “motivos de seguridade” mantivera a cota mínima de explotación en 306 msnm”. Endesa non atendeu ese requerimento e só 20 días despois de recibilo comunica que detén o descenso da cota “como consecuencia da aparición de turbidez na cola do encoro”.

A Xunta declarou a situación de emerxencia pola turbidez, que nas analíticas multiplicou por cen os valores normais e que durante 10 días prohibiuse o consumo da auga da billa á veciñanza de Pontedeume. 

Para Augas de Galiza, como consecuencia da actuación de Endesa na “modificación do réxime de explotación do encoro non autorizada produciuse un episodio grave de turbidez no rio Eume”.

E isto, prosegue o organismo, levou a que “os graves efectos do episodio de turbidez determinaron a urxente intervención da administración hidráulica para garantir a subministración de agua á poboación, atallar o deterioro da calidade das augas o protexer o ecosistema nunha zona de alto valor ambiental”.

Cómpre lembrar que a Xunta declarou a situación de emerxencia pola turbidez, que nas analíticas multiplicou por cen os valores normais e que durante 10 días prohibiuse o consumo da auga da billa á veciñanza de Pontedeume. 

Petón do Lobo

A asociación ambiental Petón do Lobo personouse no procedemento de Augas de Galiza. Ana Varela, en conversa con Nós Diario, dixo que aínda non estudaran a fondo a resolución (“recibímola hoxe mesmo” -segunda feira-) mais xa adiantou que o colectivo traballará porque esta proposta de sanción sexa definitiva.

Petón do Lobo consideran que “está demostrado que Endesa non pode ser quen o xestione o encoro, polo que pediríamos a súa revogación”

Aliás, indicou Varela, “imos analizar a valoración dos danos para ver se esa cantidade é a adecuada”. Nesta liña, indicou que Petón do Lobo vai estudar cal é o estado da concesión do encoro do Eume pois entenden que “está demostrado que Endesa non pode ser quen o xestione, polo que pediríamos a súa revogación”.

Varela inicidiu na problemática das lamas e lodos do fondo, unha cuestión na que partillan preocupación e denuncia con otros colectivos como o Colectivo Terra ou Adega. Todos eles apuntan ás lamas acumuladas durante décadas no fondo do encoro, procedentes en gran medida da actividade mineira das Pontes. As mesmas que se depositaron na súa boca, obstaculizando as válvulas de desaugue que non se empregaran durante ese medio século sen caudal ecolóxico, denuncian.