Análise

Propostas para un novo modelo de Atención Primaria en Galicia

O orzamento da Atención Primaria debería crecer ata 25% do total sanitario. O actual 11,9% é absolutamente insuficiente. (Ilustración: Álex Rozados)
Manuel Martín García, médico e voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Desde a Consellería de Sanidade e o Sergas acusan a Plataforma SOS Sanidade Pública de dedicarse unicamente a protestar sen propoñer medidas para afrontar a crise sanitaria. Pois ben, aí van cinco grupos de medidas factibles e susceptibles de se aplicar se houbese vontade política.

Estas propostas son un resumo das que presentamos hai máis de dous anos no Consello Técnico da Atención Primaria xunto con diferentes grupos profesionais que traballan ou deberían facelo na Atención Primaria (AP). A resposta do Sergas foi metelas nun caixón.

1.—Incrementar os recursos humanos e orzamentarios. O orzamento da Atención Primaria debería crecer ata 25% do total sanitario. O actual 11,9% é absolutamente insuficiente para manter o modelo de AP e menos aínda para recuperalo. Estes recursos deberían provir dos 500 millóns de euros dos fondos europeos para a recuperación dos sistema sanitario e da para AP trala epidemia da Covid. É necesario recuperar as case 1.000 prazas recortadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2008. Ampliar a composición dos equipos dos Centros de Saúde incrementando as prazas de enfermería, fisioterapia e traballo social, mais tamén incorporando novas categorías profesionais como psicoloxía, logopedia, atención temperá ou farmacia de Atención Primaria.

2.—Recuperar a capacidade de xestión da AP liberándoa da subordinación as xerencias e xefaturas de servizo hospitalarias. A Atención Primaria debería contar con xerencias propias dotadas de orzamento propio e con capacidade para planificar de xeito autónomo os seus recursos e a distribución dos mesmos de acordo aos problemas e necesidades de cada localidade ou centro. Os coordinadores e coordinadoras dos centros de saúde deberían designarse de acordo a criterios de equidade, mérito e capacidade e non de afinidade ideolóxica como na actualidade.

3.—Cambiar a estrutura das Áreas Sanitarias. Carecen de capacidade para planificar e organizar unha Atención Integral. Esas áreas deberían coordinar as actividades asistenciais e os programas de promoción, prevención, rehabilitación e o traballo comunitario dos centros de saúde, hospitais, servizos de Saúde Pública (vixilancia, epidemioloxía e control das pandemias), Traballo Social e a Atención á Dependencia (prestar atención as residencias de maiores).

4.—Desenvolver o modelo de Saúde Comunitaria. É necesario dar prioridade ás actividades sobre os principais determinantes da saúde, incorporando ás institucións locais como concellos, deputacións ademais doutros entes territoriais e organizacións sociais para que inclúan a saúde en todas as políticas locais. É necesario planificar os recursos e deseñar plans, programas e actividades das áreas sanitarias e centros de saúde en función dos principais problemas e necesidades da poboación. Para iso e necesario garantir a participación social e profesional nas actividades de planificación e control da Atención Primaria, creando e desenvolvendo os Consellos de Saúde.

5.—Desmedicalizar os Centros de Saúde, mellorar a calidade da atención e incrementar a eficiencia. Urxe redistribuír a demanda asistencial que recae indebidamente sobre a consulta médica 80% do total) para desmasificar as consultas que nunca deberían superar os 30 pacientes e ampliar o tempo de consulta por encima dos 10 minutos. Para iso é necesario establecer criterios claros para distribuír a demanda da poboación entre as diferentes categorías profesionais definindo o papel das diferentes categorías presentes nos equipos dos centros de saúde. Tamén cómpre acabar coas listas de espera establecendo un máximo de 48 horas para recibir atención, de 24 horas en caso das urxencia. Acabar coa burocracia delegada desde os hospitais sobre a Atención Primaria, tal como facer receitas, solicitar ambulancias, baixas laborais, certificacións, etc. E reforzar os servizos administrativos para facilitar a comunicación e as consultas telefónicas e telemáticas que deberían ter un carácter complementario.

6.—Poñer a Atención Primaria no eixo do sistema. As actuacións dirixidas ás enfermidades e problemas de saúde (Procesos Asistenciais) deberan controlarse desde a Atención Primaria, elaborando protocolos de actuación comúns para a primaria e a hospitalaria.

É importante garantir a capacidade resolutiva da Atención Primaria suprimindo as barreiras de acceso ás probas diagnosticas e terapéuticas (a solicitar de acordo a protocolos comúns), mellorar o equipamento e facilitar a realización de cirurxía menor ambulatoria e outras técnicas nos centros de saúde.