Ensino

Lentes e gorros de buceo no IES de Poio para demandar á Xunta máis fondos na FP

Alumnado e profesorado do IES de Poio, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
Durante o acto reclamaron que a Dirección Xeral de FP "asuma o pago" dos custos do ciclo de Guía do Medio Natural.

Protesta esta terza feira de alumnado e profesorado do IES de Poio (comarca de Pontevedra) na defensa das condicións do ciclo de FP de Guía do Medio Natural despois de que, na máis recente reunión coa Consellaría de Educación, quedasen en punto morto as negociacións para obter máis fondos para este ciclo.

Durante o acto reclamaron que a Dirección Xeral de FP "asuma o pago" dos custos do Ciclo Medio de Guía no Medio Natural que se imparte no centro e que "non conta cunha partida orzamentaria específica para atender as necesidades que se derivan desta ensinanza".

Unha das alternativas que din que lles ofreceu a Xunta foi a de impartir aulas con lentes de realidade virtual, proposta que decidiron parodiar tirando de retranca durante a protesta portando lentes e gorros de buceo.