As protestas contra Altri animan o San Caralampio de Melide máis combativo

Xurxo Souto, canda algúns integrantes de Melide Vivo, cantando unha composición contra Altri na festa do San Caralampio en Melide.

Non hai remate do verán en Melide sen o día de San Caralampio. Este ano a festividade estivo marcada polas propostas contra Altri.

O segundo domingo de setembro Melide, na comarca homónima, celebra a festividade San Caralampio, unha xornada onde o viño é o protagonista e o casco histórico da localidade fica pequeno diante da chea de xente.

San Caralampio é unha referencia para todas as persoas de Melide e da súa contorna, pero sobre todo para as xentes da localidade que residen fóra da Galiza, moi particularmente en Euskadi, destino tradicional da emigración da zona.

A festividade de San Caralampio significa para todos os melidenses da Galiza e da diáspora o remate do verán, por iso é unha festa rachada de confraternidade e de irmandade.

As protestas contra a celulosa que a multinacional Altri pretende erguer o no municipio limítrofe de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, marcaron a edición deste ano de San Caralampio.

Melide Vivo, a estrutura local da plataforma Ulloa Viva, convocou na xornada de hoxe unha acción lúdica e reivindicativa para evidenciar o rexeitamento da veciñanza da zona ao proxecto da pasteira.

Festa rachada contra Altri

O colectivo promoveu unha sesión de photocall na praza melidense das Coles, onde centos de persoas posaron tras un deseño realizado para a ocasión  polo artista local Quiñoi. 

O espazo escollido por Melide Vivo estivo durante toda a mañá animado por ducias de persoas que cantaron diversas pezas contra a celulosa, entre elas unha escrita polo cantante Xurxo Souto.

Souto acompañou aos membros dos colectivo na posta en escena da súa cantiga Altri non. A letra da composición sinala nunha da súas partes “vaite lavar porcona/ vaite lavar/ Altri nin na Galiza/ nin en Portugal”.