No camiño da folga xeral

Protestas en defensa das pensións convocadas pola CIG

Concentración en Vigo en defensa pensións o 22 de maio.

Milleiros de persoas saíron esta terza feira ás rúas de cidades e vilas galegas en defensa das pensións públicas. A CIG, sindicato convacante, reuniu xente en 18 localidades e avisou de que estas protestas preparan o terreo para a folga xeral do 19 de xuño.
 

“A folga xeral é a arma máis poderosa que temos para defender as pensións públicas”, sinalaron desde o sindicato, “e os dereitos roubados á clase traballadora galega”. As persoas que asistiron ás manifestacións reclamaron, ademais, a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013.

 

A central nacionalista considera, ademais, que as medidas anunciadas por Mariano Rajoy para os Orzamentos do Estado -pendentes de aprobación- “non son máis que parches, perpetúan o roubo das pensións, e non solucionan ningún dos graves problemas que trouxeron” as mencionadas modificacións de 2011 e 2013.

 

“De saíren as contas adiante, adiarase o denominado factor de sustentabilidade, mais non se suprime, o que implicará que, se non somos quen de impedilo, as futuras pensións poderanse ver reducidas ate nun 20%”, alertan, “a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida, pois canto máis maiores, pensións máis pobres teremos”.

 

A CIG afirma que a súa aposta é pola “mobilización” e pola folga xeral do 19 de xuño, que tamén entende como “a mellor defensa ante a próxima reforma que están a cocer no chamado pacto de Toledo”.