Ensino

Protestas en Ferrol pola escaseza de prazas nos colexios do rural

Concentración das familias ás portas da sede da Xunta en Ferrol. (Foto: Europa Press)
As familias piden solucións á Consellaría de Educación.

Un centenar de pais e nais, acompañadas nalgúns casos polas súas crianzas, concentráronse na tarde desta cuarta feira diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza en Ferrol para demandar á Consellaría de Educación solucións con respecto aos "problemas coas matrículas" que se están en varios centros de ensino, "case todos da zona rural", para o vindeiro curso en Educación Infantil.

Así o explicou en declaracións aos medios o secretario da Federación comarcal de Anpas de centros públicos, Jaime Acuña, que foi un dos encargados de entregar as sinaturas recollidas polas familias afectadas por estes problemas coa matriculación dos seus fillos e fillas en centros escolares de toda a comarca de Ferrolterra.

Denuncian que existen centros con todos os cursos de Infantil agrupados "que teñen máis solicitudes" de prazas das que poden admitir, polo que hai moitas nenas e nenos "que quedan descolgados" e até finais de xuño "non van saber se quedan no centro ou non".

Falta de respostas por parte da Consellaría

Por outra parte, Acuña salientou "outro problema" como o que padece o alumnado do CEIP Mosteiro de Caaveiro, no concello da Capela (Eume), que é "o único centro da localidade", polo que as crianzas que alí residen "van ter que entrar si ou si" a pesar da escaseza de prazas que denuncian as familias.

A pesar disto, afirman que a Consellaría de Educación non aclara "se vai haber desdobramento, se vai contratar máis docentes e se van dotar o centro de máis recursos" para paliar esta comprometida situación.

Por último, este representante de pais e nais da contorna sinalou que hai outros centros "da zona rural" que teñen "máis solicitudes que as que poden admitir", e desde a Administración educativa, en lugar de abrir novas aulas, "o que fan é baremar", o que os leva a dicir "que estes centros nunca poden medrar", sentenciou.