Unha escolma do papel

Proxecto cárcere: auto-xestión para recuperar os espazos baleiros

Imaxe do cárcere da Torre

A Plataforma cidadá creada na Coruña arredor da prisión da Torre traballa desde 2010 por facer do antigo penal un espazo de uso social, cultural e de memoria histórica auto-xestionado.

O futuro do cárcere da Torre na Coruña continúa no ar. Após o seu fechamento como centro de re-inserción social en 2009, diversos son os proxectos deseñados para recuperar este espazo situado a poucos metros da Torre de Hércules e do Campo da Rata. Antigamente espazo de represión, tortura e fusilamento; posteriormente, centro de reinserción social, na actualidade este edificioesmorece baleiro. 

 

Desde 2010, unha Plataforma cidadá coñecida como Proxecto Cárcere traballa a prol da recuperación do penal para o seu uso "social e cultural" através dun "modelo auto-xestionado". Xosé Lado foi un dos promotores de Proxecto Cárcere. A idea, conta, "xurdiu a partir dunhas xornadas organizadas pola Concellaría de Cultura do anterior goberno municipal. Baixo o lema 'Novos modelos de xestión cultural' a daquela concelleira do BNG, María Xosé Bravo, encabezou un conxunto de palestras encamiñadas a expor de maneira directa distintos proxectos chegados de "Viena, Málaga ou Barcelona", explica Lado en conversa con Sermos Galiza. "Espazos abandonados que foran recuperados para a súa xestión colectiva", acrecenta. 

 

A partir dunha mesa redonda "na que estabamos arredor de 70 persoas" e coa que se daban por concluídas as xornadas, un grupo de veciñas e veciños da Coruña decidiron comezar a pular pola recuperación da cadea. Unha infraestrutura propiedade da Sociedade estatal de institucións penitenciarias --dependente do Ministerio do Interior mais con personalidade xurídica propia-- e situada en terreos municipais.

 

Desde aquel ano en que se fundou a Plataforma cidadá, "só puidemos entrar unha vez" no penal. Foi da man da propia María Xosé Bravo quen, através da Concellaría, asinou diversos convenios coa SEIP, o que permitiu o uso dalgunhas das salas da prisión. Após o cambio de goberno e coa entrada do Partido Popular en María Pita, "a nova concelleira de Cultura díxonos de maneira ben sincera que o sentía moito mais que ela ía centrarse no Ágora e que mentres non fora transferido o edificio da Torre ao concello, non ía facer nada", sinala Xosé Lado. 

 

Eis o cerne do problema. O conflito xurdido entre a Sociedade Estatal de Institucións Penitenciarias e o goberno muncipal paralizou calquera proxecto que visase recuperar o edificio. E é que, embora a cadea fose edificada en terreo municipal, a SEIP exixe o pagamento de máis dun millón de euros para proceder á súa cesión, algo que desde o executivo de Carlos Negreira rexeitan. 

 

“Cremos que é cuestión de vontade política” que se poida chegar a un acordo entre dúas insitucións, máis s

e cabe tendo en conta que ambos os dous gobernos están en mans do PP, din desde a entidade social. Porén, malia o plan de viabilidade presentado pola Plataforma, o concello non semella interesado en que a Cárcere da Torre remate por se converter nun espazo de “usos sociais, culturais, educativos e de memoria histórica” xerido pola propia veciñanza. 

 

Proxecto Cárcere marcouse como obxectivo trasladar a Galiza, e no concreto á Coruña, un outro modelo de xestión que noutros territorios leva tempo funcionando. Unha idea que fixo xermolar tamén outras iniciativasn e movementos sociais en Vigo –arredor da Panificadora—ou en Ourense –tamén vinculado á antiga prisión. 

 

“Queremos que sexa un espazo auto-xestionado pola veciñanza, quen esta se involucre” en troca de “reverter no concello e que remate coma outros centros sociais que hai nos barrios”, subliña Lado. “En Barcelona hai espazos cedidos polo concello á veciñanza” que de maneira regulada fixan a súa xestión colectiva e autónoma. Sen inxerencias administrativas, embora Xosé Lado recoñece que poderían valorar opcións combinadas. 

 

É así que xurdiu a idea de combinar dúas propostas para reflexionar sobre a viabilidade dos modelos de auto-xestión “a partir de algo que está moi enraízado en Galiza como son os montes en man común”.Aplicar a experiencia comuneira –tradicional no noso país—á xestión de espazos urbanos é o obxecto da xornada que de maneira conxunta desenvolverán Proxecto Cárcere e Montenoso. Unha iniciativa que terá lugar o 20 de xuño na cidade herculina e que visa crear un espazo de debate arredor da viabilidade da auto-xestión. Unha proposta que, din, podería exportarse para alén da Cárcere da Torre a outros moitos espazos da Coruña. “É momento de replantexarnos todo”, conta Xosé Lado, mesmo “o modelo de cidade que temos”, di. 

 

Esta reportaxe apareceu no número 100 de Sermos Galiza, publicado a 12 de xuño de 2014.