O proxecto de eólica mariña Breogán afectaría até 14 especies en perigo de extinción

Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
O plan da empresa Capital Energy, que até o próximo 1 de xuño se encontra en fase de consulta previa, implicaría a instalación nunha zona de máxima sensibilidade ambiental do norte de Lugo de 34 aeroxeradores flotantes de 15 megawatts (MW) e 261 metros de altura que a día de hoxe está considerada a turbina eólica máis grande do mundo a nivel comercial.

O proxecto do parque eólico mariño Breogán (que se situaría fronte ás costas da Mariña e Ortegal) constata na súa área de estudo a presenza de 14 especies en perigo de extinción e decenas en situación vulnerábel, o que aconsella unha actuación responsábel e o rexeitamento á iniciativa por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

O plan da empresa Capital Energy, que até o próximo 1 de xuño se encontra en fase de consulta previa, implicaría a instalación nunha zona de máxima sensibilidade ambiental do norte de Lugo de 34 aeroxeradores flotantes de 15 megawatts (MW) e 261 metros de altura que a día de hoxe está considerada a turbina eólica máis grande do mundo a nivel comercial.

Todo iso no ámbito de influencia de “até 11 espazos pertencentes á Rede Natura 2000 e protexidos como ZEC/ZEPA, como no caso da Zona de Especial Protección para as Aves Espazo Mariño Punta Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares (código ES0000495), que pola súa proximidade sería o máis afectado polo plan enerxético da compañía”, segundo alertan desde a asociación Salvemos Cabana.

Segundo a documentación sometida a consultas, e sobre a que a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana está a preparar un documento-resumo de alegacións que porá ao dispor do público a partir do 25 de maio, inclúense decenas de especies de flora e fauna catalogadas en situación "vulnerábel", e até 14 delas en perigo de extinción.

Así, a nivel de fauna oceánica, explican, tanto a lamprea mariña (Petromyzon marinus) como a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) poderían verse “seriamente prexudicadas”, pero aves como a cerceta común (Anas crecca), o sisón (Tetrax tetrax), o pernileiro europeo (Burhinus oedicnemus) ou a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), tamén aparecen reflectidas na zona de estudo contemplada pola empresa no que á instalación de infraestruturas asociadas se refiere.

Nun caso equivalente está un gasterópodo como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), o mexillón de río (Margaritifera margaritifera) ou de maneira máis sorprendente incluso o oso pardo cantábrico (Ursus arctos).

Na lista, ademais, tamén se atopan especies vexetais como a Centaurea borjae, que é un endemismo galego que ocupa áreas costeiras, o fento colchoneiro (Culcita macrocarpa), unha fanerógama como o Eryngium viviparum ou a subespecie gallaecica da Omphalodes littoralis.

“Non hai que esquecer, con todo, que nun parque eólico offshore destas características a peor parte levarana aves, mamíferos e outras especies mariñas, que na área de estudo do proxecto contan con numerosas especies ameazadas”, indican desde Salvemos Cabana.

Responsabilidade

Debido a todos estes motivos, e ante a crise de biodiversidade que está a vivir o planeta e que é equiparábel ao problema xerado polo cambio climático, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico “debe actuar con responsabilidade e non autorizar o parque eólico mariño Breogán contemplando neste caso a Opción Cero ou de non realización, máis ao tratarse dunha contorna dun valor natural incalculábel”, apuntan.