O proxecto eólico de Statkraft é o cuarto que logra frear a veciñanza en Trevinca

A esquerda, o Pena Negra, de 2.121 metros, e, á dereita, Pena Trevinca, o cume da Galiza con 2127 metros (Foto O Trisquel).
Os parques enerxéticos afectarían unha zona aínda libre de aeroxeradores como é o Macizo de Trevinca.

O proxecto de parque eólico de Prada, no concello da Veiga (comarca de Valdeorras), xa é pasado. O anuncio da denegación de autorización ambiental por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) ao proxecto da empresa norueguesa Statkraft desbota a posibilidade de que a iniciativa afecte o macizo de Pena Trevinca, amparado pola Rede Natura e clasificado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

Resposta social

O inicio do rexeitamento social deste proxecto partiu do Club Montañas de Trevinca, unha entidade creada en 2016 aos pés do cume máis alto da Galiza e formado por persoas que, ademais de aspectos deportivos, defenden o patrimonio natural da zona. 

Unha das súas caras máis visíbeis, Antonio Fernández ‘Cholo’, presidente do club e montañeiro que vive na parroquia de Vilanova de Trevinca. Explica a Nós Diario que o plan noruegués viña “con moita forza, mesmo con apoios nalgunhas corporacións municipais e negociando con propietarios que non viven no territorio”.

Contando coa experiencia previa doutros tres proxectos eólicos anteriores que conseguiron frear, puxeron en marcha unha páxina web co nome de Salvemos Trevinca para publicar todo tipo de informacións, difundir comunicados e recibir adhesións.

“Hoxe en día non é tan fácil enganar a xente do rural”, asegura este montañeiro, “sabemos que non só desfán a natureza senón que tamén botan fóra a xente e potencian o abandono do territorio”, engade. 

Para Fernández “as expectativas actuais na Veiga pasan polas montañas e elas fan que rexurda o municipio”. Esta foi outra das razóns, para o club, fundamentais para conseguir máis de mil sinaturas contra o proxecto. “A Xunta non podía caer no erro de que estas case 30.000 hectáreas se perderan cando a Unión Europea reclama máis territorio protexido, e na Galiza somos deficitarios neste eido”, apunta.   

As tres primeiras vitorias

En opinión de Antonio Fernández “gañou a cordura xunto coas razóns científicas, sociais e medioabientais mais non sería posíbel esta vitoria sen as anteriores”. O montañeiro refírese ás loitas que a Casa de Turismo Rural O Trisquel tivo para que non foran adiante proxectos eólicos nos anos 2001, 2005 e 2008. 

O primeiro foi “o máis agresivo” por contar con 27 aeroxeradores que cubrirían toda a Serra do Eixo polo Crestón do Lombo do Roncín, unha “xoia xeolóxica” que tiñan que rebaixar en 50 metros, e chegaba a 20 minutos do propio pico de Pena Trevinca.

“Nesa data non había nin información nin cultura sobre o tema, mesmo pasamos por tolos diante do ecoloxismo oficial naquela altura que defendía as chamadas enerxías renovábeis”, lembra Fernández. Daquela conseguiron convencer mesmo a Deputación de Ourense e conseguiron rexeitar a proposta. 

As dúas iniciativas eólicas posteriores, ao carón do pico de Pena Trevinca, unha no pico Maluro e outro na Pena Redonda, seguiron o mesmo camiño. “Coa aprobación de calquera destes tres proxectos, a empresa norueguesa tería instalado finalmente este 2023 o seu parque eólico na Veiga”, sentenza Fernández.

Alerta de novo parque

A vitoria medioambiental destes días na Veiga, coa prohibición da iniciativa de Statkraft, non agocha a incerteza do Club Montañas de Trevinca diante doutro proxecto situado na zona.

Trátase do parque da Lardeira que, desde León e pola Fonte da Cova, achegaría varios aeroxeradores até Pena Trevinca. “Agardo que a Xunta sexa coherente neste caso e non apoie a súa instalación”, considera Antonio Fernández.