Proxecto Home atendeu 806 persoas por dependencia durante o ano 2023

Instalacións do Proxecto Home en Santiago (Foto: Nós Diario).
O Proxecto Home presentou a súa memoria de actividade do 2023. Entre as conclusións, a ONG alerta de que as mulleres "non piden axuda" en casos de dependencia.

Proxecto Home Galiza alertou esta cuarta feira do "serio problema" de adicción en homes e mulleres, e avisou de que elas non adoitan pedir axuda tendo en conta que o seu papel na sociedade "impide que accedan ao tratamento".

Así o explicou a directora da ONG na Galiza, Ofelia Debén, durante a presentación da memoria da entidade de 2023. Nela reflíctese que atenderon 806 persoas con adiccións, das que 84% foron homes. Ademais, nese ano, ingresaron 359 persoas e atendéronse 1.206 familias que pediron orientación. 

"Moitas veces os familiares veñen sos", explicou Amalia Calvo, responsábel de comunicación da entidade, quen resaltou que atender a máis de 1.000 familias significa que "hai un serio problema de adicción na sociedade galega". Calvo puxo o foco en que "a muller ten un problema moi serio no campo das adiccións" e que os datos corroboran esta realidade.

Tamén subliñou que o consumo entre homes e mulleres equipárase "cada vez máis". Porén,  o "rol social" asignado ás mulleres "estigmatízaas" e fainas cuestionar se "poden ou non poden" pedir axuda.

En relación ao perfil, ingresaron cunha media de 37,4 anos, solteiros, viven cos seus pais e proceden, sobre todo, de municipios do oeste do país. Ademais, as mulleres que ingresaron sufriron abusos que en 27% foron sexuais, 72% emocionais e 50% físicos. En relación co consumo, a principal substancia que motiva o tratamento é a cocaína (43,3% dos casos). As mulleres son as que teñen máis problemas co consumo de alcol en grandes cantidades, 32% fronte 15,7% de homes, e, no caso da cocaína, a porcentaxe é moi similar.

Sobre a idade, con 16 inícianse co alcol e o cánnabis, aos 18 pasan aos alucinóxenos, aínda que son substancias que consumen durante pouco tempo, e de aí pasan a consumir alcol en grandes cantidades aos 19 anos e cocaína aos 20.