Xustiza

Unha psiquiatra acepta dous anos de prisión por falsificar 900 receitas para obter fármacos para a depresión

Primeiro, sinala a Fiscalía, emitiu 244 receitas electrónicas nas que, en ocasións, figuraba como prescritora e paciente. (Foto: Nós Diario)
A doutora confeccionou selos facultativos e emitiu un total de 616 receitas con sinaturas falsificadas das persoas titulares dos talonarios.

Unha psiquiatra acusada de dous delitos continuados de falsidade en documento oficial —un deles cometido por funcionario público— aceptou dous anos e tres meses de prisión pola falsificación de case 900 receitas para obter medicamentos para tratar a depresión. Con todo, a Fiscalía aceptou a suspensión da pena, solicitada pola defensa, coas condicións de que non cometa outro delito e de manter o tratamento de desintoxicación durante un prazo de dous anos.

Fíxoo no xuízo decorrido esta segunda feira na Audiencia Provincial da Coruña, cun acordo entre o Ministerio Público e a defensa, ao recoñecer os feitos a procesada e acordarse unha rebaixa da pena tras aplicar a eximente de alteración psíquica, que a muller aceptou.

Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos iniciáronse no ano 2016 e prolongáronse até 2022, período no que a muller, adscrita a un hospital da circunscrición da Coruña, emitiu receitas falsas para conseguir medicamentos.

Primeiro, sinala a Fiscalía, emitiu 244 receitas electrónicas nas que, en ocasións, figuraba como prescritora e paciente. Noutras, receitábaas a nome da súa parella e dunha compañeira doutora.

En 2022, Fiscalía sostén que se fixo con seis talonarios de receitas, varios deles propiedade do seu pai, a súa irmá e outro compañeiro, todos eles doutores. Con estes, confeccionou selos facultativos e emitiu un total de 616 receitas con sinaturas falsificadas das persoas titulares dos talonarios.