Publicado o calendario laboral da Galiza: estes van ser definitivamente os festivos para 2025

O Diario Oficial da Galiza publicou o calendario laboral da Galiza para 2025 no que se fixan como festivos propios o día das Letras Galegas, 17 de maio, e o Día da Patria Galega, 25 de xullo.

A normativa estatal estabelece as 14 festas anuais de ámbito estatal non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello.

Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non sustituíbeis a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo -18 de abril en 2025-, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

No ano 2025 hai un festivo estatal de carácter obrigatorio que coincide en domingo 12 de outubro (‘Festa Nacional de España’), que a Galiza propón substituír polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter estatal son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que na Galiza nunca se cambia, a menos que coincida en domingo; o ‘Xoves Santo’ (que en 2025 celebrarase o 17 de abril), que na Galiza non se modifica de maneira tradicional; e dáse a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo.

As festas do calendario laboral para a Galiza en 2025 son: Aninovo (1 de xaneiro), Día d Reis ( 6 de xaneiro), Xoves Santo (17 de abril), Venres Santo (18 de abril), Día Internacional da clase traballadora (1 de maio), Día das Letras Galegas (17 de maio), Día da Patria galega (25 de xullo), ‘Asunción da Virxe’ (15 de agosto), Todos os Santos (1 de novembro), Día da constitución (6 de decembro), ‘Inmaculada Concepción’ (8 de decembro) e Nadal (25 de decembro). Ademais destes días, cada concello determina dúas xornadas festivas propias da súa localidade.