Publícase o calendario laboral de 2024. Estes son os 12 feriados que haberá

O Consello da Xunta aprobou o calendario laboral da Galiza para o ano 2024 (Foto: Nós Diario).
En 2024 hai un festivo estatal de carácter obrigatorio que coincide en domingo, o 8 de decembro, polo que Galiza propón a súa substitución polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta segunda feira o calendario laboral do país para 2024, no que se fixan oficialmente os 12 festivos do próximo ano -a falta dos dous de ámbito local-, entre eles o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional da Galiza (25 de xullo).

O acordo publicado no DOG foi aprobado o pasado 29 de xuño no Consello da Xunta.

A normativa estatal estabelece en 14 as festas anuais non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio. Delas, dúass corresponden a cada concello.

Pola súa parte, nove festivos son obrigatorios e non substituíbeis a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, venres santo (29 de marzo de 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

En 2024 hai un festivo estatal de carácter obrigatorio que coincide en domingo, o 8 de decembro, polo que Galiza propón a súa substitución polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Feriados opcionais

Os outros tres festivos de carácter estatais son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades: o 6 de xaneiro e o Xoves Santo (28 de marzo), que tradicionalmente se manteñen na Galiza, e o 19 de marzo ou o 25 de xullo.

Neste último caso, optouse polo Día da Patria Galega, algo que ocorre habitualmente.