Puntogal lanza Velaquí.gal, un servizo de intercambio de arquivos

Imaxe: puntoGAL

Porase en andamento o 17 de maio. O sistema permite compartir ficheiros en múltiples formatos así como a subida de maneira simultánea de moitos documentos na mesma solicitude.

O dominio Puntogal en colaboración con Dinahosting  pon en marcha este 17 de maio Velaquí, un servizo de intercambio de arquivos. No enderezo velaqui.gal, os usuarios poderán partillar “de maneira sinxela e segura ficheiros de ata 2Gb de maneira gratuíta”. Na páxina só hai que indicar quen envía e quen recibe, unha mensaxe para o destinatario e adxuntar o documento.

O sistema permite compartir ficheiros en múltiples formatos así como a subida de maneira simultánea de moitos documentos na mesma solicitude. O usuario pode limitar o número de descargas vinculadas a cada envío, cifrar cada solititude por medio dun contrasinal para incrementar a privacidade e enviar o documento ata a un máximo de vinte enderezos de correo electrónico. Trátase un servizo similar que ofrecen outras multinacionais como WeTranfer, pero desenvolvido e localizado en Galiza.

Promoción

Ademais, PuntoGal informa que  celebra este ano o Día das Letras e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha nova rebaixa no prezo dos dominios rexistrados. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 17euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes dende o día 17 e ata o 31 de maio. Toda a información atópase na web da plataforma

O rexistro, que cumpre agora tres anos dende a súa delegación, conta xa con máis de catro mil dominios rexistrados