En que concellos están activas restricións contra a seca e cales son?

Algúns Concellos restrinxiron determinados usos da auga polo risco de seca (Foto: Brian Jackson).
A escaseza nas reservas de auga aínda non é tan preocupante na Galiza como noutras zonas da península Ibérica, mais si a situación de seca prolongada nalgunhas áreas do norte do país.

A escaseza nas reservas de auga aínda non é tan preocupante na Galiza como noutras zonas da península Ibérica, mais si a situación de seca prolongada nalgunhas áreas do norte do país, nas que xa se activaron medidas de aforro e restrición nos usos da auga para evitar avanzar apresuradamente a outros escenarios.

"É un toque de atención", apuntou o xerente de Augas da Galiza, Gonzalo Mosqueira, que, aínda que advertiu de que a Galiza "non está nunha situación de risco efectivo" de desabastecemento, si é necesario "pór os ollos na xestión da auga" e que "non haxa improvisación".

A comezos de semana, a Oficina Técnica da Seca decretaba a situación de seca prolongada nas bacías da ría da Coruña e de Betanzos e nos sistemas de abastecemento de Ferrolterra e A Mariña, isto é, desde o río Mero até Ribadeo.

Esta situación, como lembra Mosqueira, non implica necesariamente baixas reservas de auga, senón que informa dunha situación de seca superior á habitual nestas datas, por baixas precipitacións, co que o caudal dos ríos circula tamén máis baixo.

Paralelamente, desde mediados de xullo está activada a prealerta por escaseza de auga no sistema do río Mero, de Arteixo e da ría da Coruña, na bacía do Anllóns e no subsistema de Baiona. Neste caso, a prealerta apunta a unha baixada das reservas de auga para consumo, tendo en conta, ademais, a presión que sofren algúns municipios polo incremento de poboación durante o verán.

Cada Concello decide as medidas

Unha vez declarada esta situación, a Xunta da Galiza informou os concellos afectados para que, cada un, implemente as medidas que pode aplicar neste sentido. Os Concellos grandes, apuntou Mosqueira, teñen plans municipais de seca que xa estabelecen os pasos para seguir, e os pequenos analizan as posibilidades de aforro.

En todo caso, é necesario comunicarlle á poboación a situación para "cando se teñan que tomar medidas concretas". "Sempre é bo saber na situación na que estamos para concienciar e facer un uso responsábel", engadiu. Con esta información, "algún Concello pode verse na necesidade de tomar medidas de restrición ou limitación a determinados usos da auga", como a optimización das regas ou outros usos non imprescindíbeis.

No caso do Concello da Coruña, ordenou reducir os baldeos e a limpeza de edificios ao estritamente necesario, fechou fontes ornamentais e limitou o lavado de coches aos estabelecementos autorizados. A pasada terza feira anunciaba tamén que se fará un "seguimento dos consumos e control de presións" nos colectores da rede. O veciño municipio de Culleredo adheríase despois a estas medidas, orientadas a garantir as reservas do encoro de Cecebre.

A procura de fugas ou perdas de auga na rede tamén foi anunciada esta semana polo municipio de Arteixo, que pediu á poboación un uso "prudente" do recurso e en Carballo deuse a orde de reducir o máximo posíbel as regas. En Oleiros, o Concello explicou que remitirá aos fogares xunto coa próxima factura da auga unha circular con consellos e recomendacións para aforrar auga. Paralelamente, cortarase desde a fin de semana a auga de todas as duchas das praias, aínda que se manterá a das fontes para poder hidratarse.

Na Mariña, pola súa parte, foron varios os municipios que xa activaron medidas. Tanto en Alfoz como en Ourol, os seus respectivos alcaldes emitiron nos pasados días un bando municipal no que se prohibe, até novo aviso, a utilización de auga da traída para regar xardíns ou zonas verdes, encher piscinas, limpar vehículos ou espazos ao aire libre ou calquera outro uso que non sexa esencial para persoas ou animais. Ademais en Xove restrinxiuse a auga das duchas das praias, o enchido de piscinas, o lavado de coches, a rega de xardíns e os baldeos de rúas, á vez que se apelou ao "civismo" da veciñanza para reducir o consumo. Tamén se revisará a rede para evitar perdas.

Con anterioridade á decisión da Oficina Técnica da Seca, o municipio de Barreiros emitía xa o pasado 28 de xullo un bando no que se prohibía o uso da auga da traída para usos non esenciais. A medida implantábase entón polo "importante consumo existente en Barreiros", derivado do incremento de poboación polas vacacións, "moi por encima do habitual".

En canto ás precipitacións, activouse a seca prolongada no norte do país porque as precipitacións foron inferiores ao habitual. Con todo, isto non afecta a toda a Galiza, xa que en xullo, no sur, "choveu dentro da media, e mesmo nalgún punto máis", explicou Mosqueira.