Que data manexa o Goberno español para implantar peaxes en todas as autovías estatais?

Vehículos fan cola para pagar nunha peaxe. (Foto: Xunta da Galiza)
A Dirección Xeral de Estradas, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, encargou á consultora pública Ineco a elaboración de nove informes para valorar un novo sistema de financiamento das estradas.

O Goberno español vén de iniciar os trámites para estudar as distintas posibilidades encamiñadas a introducir un novo sistema de peaxes en todas as autovías estatais a partir de 2024, tal e como se comprometeu con Bruxelas a cambio de recibir os fondos europeos valorados en 70.000 millóns de euros en subvencións.

A Dirección Xeral de Estradas, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, encargou á consultora pública Ineco a elaboración de nove informes para valorar un novo sistema de financiamento das estradas, segundo a documentación publicada no portal de contratacións.

O custo destes servizos ascenderá a 1,4 millóns de euros e o prazo estabelecido será de 10 meses. Ineco xa contratou os servizos de KPMG Avogados por 89.000 euros para realizar o servizo de asesoramento xurídico especializado en materia fiscal e tributaria no ámbito das estradas, como parte deste contrato.

Estudo previo

O pasado mes de xuño, a ministra Raquel Sánchez descartou iniciar o debate correspondente para comezar a deseñar este plan, co obxectivo de dar prioridade á situación económica.

Con todo, volveu confirmar que se aplicará esta medida e avanzou que xa se estaba realizando un estudo previo. Desta forma, o 10 de xuño formalizouse o contrato interno entre a Dirección Xeral de Estradas e Ineco, e o pasado 10 de agosto esta empresa adxudicou os servizos de asesoramento a KPMG. Todos os documentos apuntan ao ano 2024 como o ano a partir do cal "poderían" implantarse as peaxes.

Recomendacións da UE

O Executivo estatal defende que este plan corresponde coas recomendacións específicas feitas ao Estado español no marco do Semestre Europeo 2019-2020 e ao aliñamento coas axendas estratéxicas da Unión Europea. A maioría de países da UE, entre eles algúns lindeiros como Italia, Francia ou Portugal, aplican peaxes de maneira xeneralizada.

Estes contratos abren a primeira das tres fases nas que se articulará esta medida. A segunda será o deseño e enxeñaría da solución adoptada e a terceira estará constituída polos servizos necesarios de soporte para a licitación da implantación do novo sistema de cobro.

Un dos primeiros elementos que se analizarán nestes informes será se se adopta un sistema de viñetas, coas que se paga unha cantidade fixa ao ano para poder circular, ou de peaxes, que dependerá da distancia que se percorre en cada momento.

Tamén se estudará se son só as autovías estatais ou tamén as autonómicas (para non crear agravios territoriais) ou mesmo calquera estrada, así como a posíbel progresividade fiscal para non prexudicar os colectivos máis vulnerábeis.