Que é a enfermidade de Dent á que busca dar visibilidade un mural de Rosalía en Brión?

Mural de Rosalía de Castro realizado por Art for Dent en Brión (comarca de Compostela). (Foto: Concello de Brión)

No mundo hai detectados arredor de 250 casos desta doenza rara, catro deles na Galiza.

A pasada semana presentouse na piscina municipal de Brión (comarca de Compostela) un mural solidario realizado por Art for Dent – Asociación galega da enfermidade de Dent. Na presentación participaron Fernando, pai de Hugo, neno afectado coa enfermidade de Dent; o alcalde da vila, Pablo Lago; e representantes da empresa de pinturas Procolor (Carlos Garrido) e Composcolor (Miguel Vecino).

O mural, no que se pode ver o rostro de Rosalía de Castro, forma parte dunha iniciativa solidaria denominada “aDentrArte”, proxecto artístico da asociación para dar visibilidade á enfermidade de Dent desde 2020. Así, a Rosalía de Brión non é o único mural que busca visibilizar a enfermidade de Dent. As ‘Rosalías’ de Padrón (O Sar) e Lugo, as Meninas de Canido, en Ferrol, a Mona Lisa de Compostela, o Severo Ochoa de Luarca, en Asturias, e a Arreixeira de Iria, tamén en Padrón, teñen a mesma finalidade.

Son murais realizados 100% de modo solidario, coa pintura doada, a man de obra da asociación, o apoio dos concellos e no caso de ser necesario, contan tamén co apoio da empresa de Padrón Grúas Estación. Colabora tamén Reizentolo, empresa que comercializa produtos e camisetas solidarias, e que posteriormente destina os beneficios á conta do proxecto de investigación da enfermidade de Dent no NefroChus, no IDIS en Santiago de Compostela.

Unha doenza moi minoritaria

Mais en que consiste a enfermidade de Dent? Trátase dunha enfermidade moi minoritaria de carácter hereditario e orixe xenética, causada por mutacións nos xenes CLCN5 (Dent 1) e OCRL1 (Dent 2) asociados a canles de cloro.

A doenza presenta unha herdanza recesiva ligada ao cromosoma X e a súa prevalencia descoñécese, aínda que dito trastorno foi descrito nunhas 250 familias en todo o mundo, catro das cales galegas, de Lugo, Muros (comarca homónima), Brión e Pontevedra.

A enfermidade de Dent acostuma presentarse case exclusivamente en homes e afecta selectivamente ao ril con proteinuria, hipercaliuria, nefrolitiase, nefrocalcinose e insuficiencia renal crónica. Non existe un tratamento definitivo para a enfermidade e de aí, destacan desde Art for Dent, a importancia de seguir investigando para chegar a unha solución.

A asociación naceu en maio de 2021 a iniciativa dun grupo de familias galegas con nenos afectados pola enfermidade de Dent e a día de hoxe Art for Dent agrupa tamén familias asturianas. O colectivo impulsa e apoia un proxecto de investigación que se puxo en marcha no Laboratorio de Xenética de Enfermidades Renais no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Nefrochus).

Ademais de aDrentArte, a asociación tamén ten en marcha outras iniciativas coas que darlle visibilidade á enfermidade e así, conseguir maior financiamento para investigar unha cura. Entre elas, a exposición itinerante MySelfie, formadas por cadros pintados polo propio Hugo. Ademais de visitar diferentes instalacións municipais ao largo do país, os cadros de MySelfie tamén puideron verse en restaurantes do Grupo Nove, agrupación de cociñeiras e cociñeiros que reivindican as raíces e a creatividade na cociña como valor engadido do produto galego.