Por que é ilegal a prorroga da concesión da AP-9 a Audasa?

Ponte de Rande, en Vigo, por onde discorre parte da AP-9. (Foto: Nós Diario)

 

O 23 de setembro de 2021 a Comisión Europea concluía que a prorroga da concesión da AP-9 a Audasa era ilegal e comezaba un expediente sancionador contra o Estado español.

A Comisión Europea entende que “a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación”. Nesa dirección, demanda ao Executivo español a restaurar a legalidade co fin de “garantir a correcta aplicación das normas da UE en materia de contratación pública e contratos de concesión”.

O órgano de Goberno da Unión Europea considera  que no expediente de prorroga da AP-9 “non se aplicaron os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, que estabelecen a igualdade de trato dos operadores económicos interesados”.

A Comisión Europa

As autoridades comunitarias rematan afirmando que as prorrogas de ampliación da concesión da AP-9 “non se axustan á lei, ao ser outorgadas de xeito directo a Audasa sen permitir a libre concorrencia a outros operadores”.

A Comisión analiza que o Executivo español non cumpriu coa normativa en materia de contratos públicos e “ampliaron a duración das concesións de autoestradas sen iniciar previamente procedementos de licitación”

As disposicións fixadas no expediente comunitario coinciden coas advertencias formuladas en 2020 polo Consello Consultivo da Galiza. No seu informe dese ano sinala a “improcedencia deses incrementos extraordinarios aprobados como compensación polas obras de ampliación”.

A Comisión Galega da Competencia, nun informe de 2021, tamén dubida da legalidade do tempo de concesión e significa que “a última ampliación modificou o prazo máximo de duración destas concesións, que era de 50 anos ao de 75 anos”.

A xurisprudencia do TXUE

O 18 de setembro de 2019, o Tribunal de Xustiza da Unión Europa (TXUE) sentaba xurisprudencia sobre o tema cunha sentenza referida á ampliación da concesión da  Autoestrada Tirrenaica en Italia.

O alto tribunal da Unión Europea concluía que prorrogar 18 anos unha concesión que tiña 30 anos como prazo inicial constitúe unha modificación substancial que non se pode introducir sen unha licitación previa

A sexta feira de 27 de setembro, coñecíase un ditame dos profesores de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, (UDC) Carlos Aymerich e José Antonio Blanco que incidía nas razóns da ilegalidade da concesión.

Aymerich e Blanco refírense precisamente a resolución do TXUE, significando que a mesma estabelece que “a introdución desa modificación sen licitación equivale á unha adxudicación directa irregular dun novo contrato á concesionaria, en violación dos principios reitores e das normas comunitarias reguladoras dos contratos e concesións públicas”.

O ditame dos xuristas da UDC

O informe destes dous xuristas da UDC sinala que “prorrogar deste xeito o contrato de concesión da AP-9 supuxo unha modificación substancial que, para ser introducida, debería ter levado a resolver o contrato inicial para convocar, posteriormente, unha nova licitación”

Facelo directamente e sen licitación previa”, continúan Aymerich e Blanco “tal e como fixo a Administración española en 1994 e 2000, supón unha adxudicación directa ilegal dun contrato incluído no ámbito de aplicación da Directiva 93/37/CEE32 en aberta infracción das súas disposicións e dos principios de Dereito orixinario – transparencia e igualdade de tratamento - aplicábeis ao conxunto dos contratos públicos”.

Aymerich e Blanco aseguran que “semella claro que incrementar en 36 anos un prazo inicial de 39 (ou sexa, un aumento do 92,3%) debe ser considerado como unha modificación substancial, máxime se eses incrementos foron acordados sen valoración algunha do seu impacto sobre o equilibrio económico da concesión”.

Os xuristas desvelan que “no caso da Autoestrada Tirrenaica, xa exposto, o TXUE considerou que unha prórroga do 60% do prazo concesional inicial (alargamento de 18 anos sobre os 30 iniciais) constituía unha modificación substancial. Con máis motivo, daquela, cabería outorgar esta cualificación á prórroga da AP-9”.