A Coruña érguese contra as touradas

Cartaz editado por Galiza Nova
Diversas organizacións, asociacións e colectivos convocan unha concentración contra as touradas o vindeiro 4 de agosto con que exixen a abolición deste tipo de tortura animal e a eliminación das axudas públicas á tauromaquia.

O concello da Coruña acolle máis un ano a feira taurina, como noutras ocasións a organización conta co apoio da administración local. Segundo o colectivo Galiza mellor sen touradas, a equipa de goberno subvenciona indirectamente a feira taurina pois "cede as instalacións e proporciona os medios precisos para a adaptación do Coliseum", espazo en que se desenvolve a feira entre os días 3 e 5 de agosto. Co gallo das touradas, distintas organizacións políticas, xuvenís e colectivos sociais, convocan unha concentración como mostra do seu rexeitamento a este tipo de actos.

A Plaraforma Galiza, mellor ser touradas, así como Galiza Nova, o BNG, a asemblea do 15M, asociacións cultrais e diversos colectivos de protección animal convocan o vindeiro día 4 de agosto unha concentración contra as touradas, para rexeitaren o financiamento deste tipo de actos a través de fondos públicos.

Para o BNG é un "suicidio" que o goberno municipal da cidade manteña as axudas públicas ás touradas, "sobre todo nun contexto de crise brutal, como o que estamos sufrindo, e cuns recortes que están a empobrecer a cidadanía". A concelleira da fronte nacionalista, Ermitas Valencia, lembrou que nun comezo o concello da Coruña aseguraba que a feira taurina se autofinanciaría e despois rematou por poñer cartos públicos "con total escurantismo e sen a posibilidade de coñecermos a canto vai ascender a axuda". Asi mesmo, a nacionalista reiterou a posición do BNG con respecto destes actos que cualificou como tortura e lembrou ao goberno coruñés a moción presentada polo seu grupo municipal encamiñada a acabar coas axudas públicas ás touradas, Valencia aseverou que a iniciativa contaba co "apoio de 20.000 persoas que o PP rexeitou".

Pola súa banda, Galiza Nova, secundará a concentración baixo o lema Que lástema de bois!, as mocidades nacionalistas, recuperan a estampa de Castelao incluída no álbum Nós para amosar a súa incomprensión perante o que consideran "un insulto", así mesmo, rexeitan que "se promocionen e subvencionen a través de cartos públicos entrementres se recortan servizos sociais básicos para a maioría da poboación", polo que manifestarán o seu rexeitamento ás touradas. Asemade, aseguran que as touradas son un "espectáculo cruento, macabro e trasnoitado que nos fai envilecer como sociedade". Neste senso, a organización xuvenil, xunto con máis colectivos e asociacións, asinaron o pasado mes o manifesto promovido pola plataforma Galiza mellor sen touradas, en que exixen a abolición da tauromaquia.

A concentración terá lugaro 4 de agosto na Praza de María Pita ás 19.00h.