Mapa interactivo

Os matrimonios, concello a concello: onde casa máis xente?

Número de matrimonios por concello ao longo da última década. (Mapa: Nós Diario)
Vigo aproximouse aos 10.000 matrimonios nestes últimos dez anos.

O matrimonio é unha unión entre dúas persoas. Se ben no pasado a súa importancia era capital, na actualidade é un vínculo que perde importancia, especialmente na súa vinculación coa relixión. Na Galiza, no ano 2022 o 87% dos matrimonios foron polo civil, en contraposición a un 13% a través da Igrexa católica.

O número total de matrimonios na Galiza

Na Galiza obsérvase, a pesar da repunta máis recente, unha tendencia á baixa ao longo dos últimos dez anos, cunha media anual de 8.686 matrimonios. No ano 2020 houbo unha baixada considerábel, alcanzándose o mínimo de 5.617 matrimonios, 3.000 menos que a media deste período. Isto debeuse en boa medida á pandemia da Covid-19 e as restricións de mobilidade e reunión.

A baixada repentina de casamentos no 2020, consecuencia directa da Covid-19, explicaría o alto número alcanzado no 2021 e 2022, xa que moitos dos casamentos previstos para o ano da pandemia tiveron que ser aprazados para o futuro.

Ao nos referirmos a cifras totais, non sorprende que onde máis matrimonios houbo fose nos grandes núcleos de poboación do país, sendo Vigo, con 9.292, e A Coruña, con 8.811, os concellos que máis matrimonios rexistraron durante a última década.

Debaixo destas dúas grandes urbes están as demais cidades galegas: Santiago de Compostela (3.709), Lugo (3.505), Ourense (3.290), Pontevedra (2.597) e Ferrol (2.105).

E en terceiro lugar estarían aqueles concellos nos que os matrimonios oscilaron entre os 794 e os 2.105, un total de 13. Nesta escala inclúense Narón (Ferrolterra), Oleiros (comarca da Coruña), Cambre (ídem), Culleredo (ídem), Arteixo (ídem), Carballo (Bergantiños), Ames (comarca de Compostela), Ribeira (O Barbanza), Vilagarcía de Arousa (O Salnés), Marín (O Morrazo), Cangas (ídem), Redondela (comarca de Vigo) e O Porriño (ídem).

Os demais concellos situaríanse por debaixo dos 794 matrimonios nestes últimos dez anos.