Por que a rede social Instagram está a eliminar millares de contas?

Logo da rede social Instagram (Foto: Fabian Sommer / dpa).
Contas de persoas usuarias en todo o mundo están a ser suspendidas ou eliminadas por parte de Meta, empresa dona de múltiples redes sociais, entre elas, Instagram.

A rede social Instagram sufriu unha caída xeneralizada do seu servizo, que xerou problemas á hora de iniciar sesión ou utilizar a propia aplicación e que resultou con miles de afectados, algúns deles informados de que as súas contas foron suspendidas ou mesmo eliminadas.

Esta rede social tería rexistrado os primeiros problemas ao redor das 14.00 horas (hora local) e o pico máis alto desta caída reportouse sobre as 15.10 horas, segundo indicou a plataforma dixital Downdetector.

As incidencias

De acordo con esta plataforma, as incidencias máis comunicadas polos afectados foron os intentos errados de inicio de sesión (un 72 por cento do total das denuncias), de inicio de aplicación (17 por cento) e de refresco ou carga (12 por cento).

"Suspendemos a túa conta o 31 de outubro de 2022. Tes 30 días para reclamar esta decisión", pódese ler nas notificacións que enviou Instagram, nas cales se detalla que o fechamento temporal ou total das contas se debe a que a devandita persoa usuaria non segue as normas comunitarias.

Ademais, indícase que no caso de que Instagram non poida confirmar a conta, desactivaraa permanentemente e que, dentro dese prazo dun mes ninguén poderá visualizar a conta en cuestión nin tampouco utilizala.

Pola súa parte, Instagram confirmou este problema rexistrado nas contas de varios usuarios e anunciou que está a investigar que é o que puido suceder, a través da súa conta de Twitter.

De momento descoñécense os motivos do erro da rede social, mais coincide co despregamento dunha nova actualización para a aplicación.