Que ríos galegos achegan máis lixo plástico ao mar?

O mapa permite coñecer a cantidade de plástico que os ríos achegan ao mar (Foto: The Ocean Cleanup)
A contaminación por plástico ten diversos efectos sobre ríos, rías e océanos, desde o dano medio ambiental até o prexuízo económico. Máis de 40.000 quilos de plástico chegan cada ano ao mar arrastrados polos ríos galegos, unha achega que se traduce en máis contaminación nos ecosistemas mariños.  

Até tres millóns de toneladas de plástico vértense cada ano ao mar no mundo. 80% desas verteduras proceden de 1.000 ríos, ningún dos cales está nin na península Ibérica nin na fachada atlántica europea. Mais no 20% de verteduras restantes, e que proceden de miles de ríos, si figuran os caudais galegos. E figuran no mapa interactivo elaborado por The Ocean Cleanup, unha fundación que desenvolve tecnoloxía para evitar que estes residuos cheguen ata o mar , e cuxo traballo vén de ser publicado na prestixiosa revista Science.

Científicos de Países Baixos e Alemaña fixeron un modelo que inclúe datos distribuídos xeograficamente e calcula a probabilidade de que o lixo plástico chegue a un río e de aí desemboque no mar. O resultado permite coñecer a cantidade de plásticos que os ríos galegos arrastran até o mar, ao redor de 40.000 quilogramos anuais. Non figuran neste modelo todos os ríos galegos mais si boa parte dos  mesmos.

Catro ríos concentran máis de 60 do lixo plástico que os ríos n Galiza arrastran até o mar. O que lidera esta clasificación é o Lagares, en Vigo, a través do que chega á ría de Vigo case 13 toneladas de plásticos.

A seguir está o Miño, con 5.ooo quilogramos de elementos plásticos; o Ulla (desemboca na ría de Arousa), con 4.200; e o Lérez (vai morrer á ría de Pontevedra), con 3.700.

Chama a atención o caso do Curro, un 'discreto' río que finalza en Vilanova de Arousa (O Salnés) e que deixa no mar case mil quilos de lixo plástico, case tanto como o que leva o coñecido e o máis caudaloso  río Anllóns, que desemboca na ría de  Corme e Laxe; ou o Tambre, cunha lonxitude de 125 km e morre na ría de Muros e Noia.  A súa achega en plásticos ao mar é de 700 quilos, segundo este traballo.

A través do mapa de The Ocean Cleanup pode percorrese diferentes rías e informarse, por exemplo, de que na do Burgo acumúlanse case 2.000 quilogramos de lixo plástico, ou que na zona de Xubia (Narón) hai 1,1 tonelada deste tipo de residuos.

Para alén do grave impacto medio ambiental, a acumulación destes lixos plásticos acrecenta a situación que viven as rías galegas, cunha mortaldade importante de produto que ten tradución en cifras: en 2023 as perdas do sector marisqueiro sumaron 18,5 millóns de euros.

Nos últimos días, novas confrarías —como é o caso da de Rianxo, no Barbanza— empezou a tramitar o ERTE para o seu persoal, sumándose así ás que xa deron este paso, cvomo Noia, A Pobra do Caramiñal ou Cabo de Cruz, entre outras.

Parlamento

Precisamente, e sobre o impacto da mortaldade de bivalvos, no sector, o Parlamento galego aprobou na tarde da terza feira por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo BNG e que, entre outras demandas, pedía pór en marcha "de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados" por esta situación.