Por que soan hoxe as sirenas de emerxencia á poboación dos encoros na Galiza?

O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada (Foto: Luis Vilanova).
Nesta xornada activaranse as sirenas de 24 das 39 presas previstas. Esta cuarta feira, día 26, será a quenda dos 15 restantes.

A Xunta comezou esta terza feira as probas de activación das sirenas de aviso á poboación adscritas ás presas co Plan de Emerxencia para "garantir a súa operatividade" e que a poboación da zona "recoñeza o son de aviso de evacuación".

Segundo informa a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, trátase dunha revisión que "non afecta á actividade diaria do veciños pero nalgunhas zonas serán audíbeis".

Nesta xornada activaranse as sirenas de 24 das 39 presas previstas, así como as adscritas ao depósito de lodos vermellos en Xove (A Mariña). Esta cuarta feira, día 26, será a quenda dos 15 restantes.

O exercicio leva a cabo coa colaboración dos titulares das infraestruturas, Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal e Augas da Galiza.

Na actualidade, na Galiza hai 46 plans de emerxencia de presa aprobados co obxectivo de "ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten un risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían asolagadas e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación como aos organismos xestores de emerxencias", explica.

Beneficios das grandes empresas

Os beneficios obtidos polas compañías enerxéticas dos ríos galegos en 2023 situáronse en 545,8 millóns de euros. As ganancias desa anualidade foron inferiores en 209,6 millóns de euros aos do ano 2022, como consecuencia da baixa do prezo da electricidade no mercado grosista. Porén, son os terceiros mellores resultados para as empresas enerxéticas na última década.

A produción eléctrica de orixe hidráulica situouse en 2023 na Galiza en 8.363.875 megawatts hora (MWh). Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE) para ese exercicio, os meses con máis xeración hidroeléctrica corresponderon con xaneiro, con 1.575.904 MWh; decembro, con 1.564.895 e novembro, con 1.489.823. Neste sentido, a produción hidráulica do pasado ano superou en 4.229.800 MWh a de 2022.

O prezo da electricidade no mercado grosista rexistrou un custo medio para a anualidade de 87,3 euros (MWh). As tarifas máis elevadas déronse nos meses de febreiro con 133,5 euros MWh, setembro con 103,3, agosto con 96,1 e outubro con 90,1 euros MWh. Precisamente, os prezos máis altos en todas estas mensualidades estiveron fixados pola electricidade de orixe hidráulica.