“Que tipo de fertilizante você tem?”: a resposta de Renfe a un coruñés que preguntaba por unha incidencia

Un erro na web de Renfe que imposibilitaba sacar billete para varias viaxes derivou nun diálogo como falar de rabos de gaita.

Un usuario habitual da liña ferroviaria entre A Coruña (onde vive) e Santiago de Compostela (onde traballa) dispúxose o domingo a entrar na web de Renfe para proceder a sacar billete para as viaxes de ida e volta que na semana entrante ía ter que facer entre ambas as dúas cidades. Mais non puido, o servizo de ‘multiformalización’ –sacar varias viaxes- non llo permitía e ese servizo non está dispoñíbel a través da APP da compañía.

A pesar de cumprimentar todos os pasos requeridos na web para poder reservar eses billetes (seleccionar data, abondo, hora...), ao chegar ao paso final de formalización das opcións escollidas, na web aparecía un ‘cargando’, que se prolongaba durante máis dun minuto para rematar finalmente nun ‘Erro xeral de tramitación’.

E así cada vez que este usuario o intentaba e durante tres días. De aí que este coruñés que traballa na capital galega informase a Renfe a través das RRSS da incidencia, inetresándose por saber cando a mesma podería estar arranxada.

Renfe non tardou en responder, tamén a través das redes sociais, en perfecto galego internacional á pregunta que o usuario lle fixera en galego RAG: “Boa noite Manuel. Há uma incidência para as formalizaçoes. Que tipo de fertilizante você tem?”. Unha resposta que axiña foi apagada pola propia Renfe ao ser advertir ou se decatar da metida de zoca, seguramente derivada do uso do tradutor automático onde ‘abono’ foi traducido como ‘fertilizante’.