Que topónimos son os máis comúns na Galiza?

Lugar da Igrexa, en Vilalba. (Foto: Wikipedia)
Galiza é o país dos 37.000 nomes de lugares habitados. Unha cifra que supón a cuarta parte de todos os existentes no Estado español e supera todos os que hai en Portugal.

A aplicación ‘Galicia Nomeada’ suma xa máis de 65.000 microtopónimos recollidos coa colaboración cidadá. Nomes de terreos, regatos, fontes e montañas, entre outros, achegados polos máis de 3.200 usuarios rexistrados. Moitos dos participantes son persoas a título individual e outros representan máis de medio centenar de centros educativos, 46 asociacións veciñais e culturais, 18 comunidades de montes e sete confrarías de mariñeiros, entre outros colectivos.

Galiza é o país dos 37.000 nomes de lugares habitados. Unha cifra que supón a cuarta parte de todos os existentes no Estado español e supera todos os que hai en Portugal.

Non é raro entón que Xesús Ferro, da Real Academia Galega (RAG) considerase que sería bo comezar un proceso “para que a Unesco a declare Patrimonio da Humanidade, porque a riqueza que nós temos é algo que non se dá en todas partes e é un patrimonio que está en perigo”.

Os máis comúns

Algúns nomes de lugar repítense centos de veces, tal como ocorre co da Igrexa, que segundo publicara no seu día GCCiencia, topónimo co que se coñecen ao redor de 600 lugares de toda a Galiza, ou co Outeiro, que supera os 500.

Castro (máis de 300), Vilar (291) e O Vilar (230), A Torre, O Pazo e A Casanova (máis de 200), e Vilanova, A Cota, A Pena e O Souto (con máis de 150) forman tamén parte desta clasificación dos topónimos máis comúns no país.

Como explicou Flor Fernández en Nós Diario, hai topónimos que poden referirse a diferentes elementos: ao relevo dunha zona xeográfica (orónimo), como por exemplo O Seixo, Campo Lameiro e Barral; á auga (hidrónimo), como Ribadeo, Insua e Fontán; á vexetación (fitotopónimo), como Ameneiro, Moreira e Maceira; aos animais (zootopónimos), como As Pombas, Boipardo e Abelleira; á relixión, como A Igrexa, A Ermida e Aguasantas; a actividades económicas, como por exemplo Prado, Muíño e Bouzas;  ás rutas de comunicación, como Carreira; ao hábitat humano, como Vigo e Vilar; e aos nomes de persoas (antropónimos), como Ribarteme ou Mondariz.

Pero tamén hai topónimos cuxo significado non coincide co lugar. Estes son os topónimos de posesores, como por exemplo Álvare; os topónimos eco, como por exemplo O Exipto e Baiona; e os topónimos replicantes, que se adoitan formar a partir doutro topónimo, pode ser que un sitio se chame Filgueiroa e que non haxa abundancia de fentos.