"Queda moito por facer": O Movemento Galego da Saúde Mental urxe medidas para previr o suicidio

As baladadas pola prevención do suicidio volverán soar en Compostela. (Foto: MGSM)

As ‘Badaladas pola prevención do suicidio’ volverán soar esta terza feira na praza de Pratarías de Compostela.

Coincidindo co Día Mundial da Prevención do Suicidio, que decorre esta terza feira baixo o lema "Cambiar a narrativa", o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai un chamamento á cidadanía galega a participar no acto "Badaladas pola Prevención do Suicidio" que terá lugar ás 20 horas na praza de Pratarías de Compostela, para reclamar "estratexias planificadas e sostidas nas súas accións" que contribúan a reducir a taxa de mortalidade por suicidio.

Nun comunicado, a entidade recoñece que, se ben se avanzou na sensibilidade cidadá que exixe unha resposta firme, "queda moito por facer", sinalando que na Galiza "case cada día falece unha persoa por suicidio" e que "son moitas máis as que realizaron tentativas ou teñen pensamentos autolíticos".

O 10 de setembro é a data marcada no calendario como o Día Mundial da Prevención do Suicidio para recordar que o suicidio existe como un dos principais problemas de saúde pública, pero tamén que poden levarse a cabo accións preventivas eficaces que permitan reducir as mortes por esta causa.

Promovido pola Asociación Internacional da Prevención do Suicidio (IASP) e apoiado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) desde o ano 2003, o estabelecemento dunha data específica permite “estruturar unha serie de obxectivos e accións que comprometan os Estados, concienciando sobre a necesidade de abordar unha situación tan complexa e urxente como é o suicidio”.

Baixo o lema elixido para este ano 2024, “Cambiar a narrativa”, a IASP destaca a necesidade de transformar a forma en que se percibe a realidade do suicidio e abrirse ao diálogo aberto e honesto na comunidade, nas organizacións e nos gobernos.

“Podemos dicir que na Galiza a veciñanza fixo un valiosísimo esforzo por derribar os muros de silencio arredor do suicidio, moi por diante de organizacións e gobernos”, sinala o Movemento Galego da Saúde Mental nun comunicado. A Campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio de 2016 serviu como “catalizador desa sensibilidade cidadá que esixía unha resposta firme ante un problema que na Galiza é especialmente preocupante” e ante o que, de forma paradoxal, “se asumía como inevitábel e case irresolúbel. Os gobernos da Xunta da Galiza víronse así impelidos a desenvolver políticas públicas de prevención e intervención”.

Deste modo, a entidade entende que se conseguiu que prevención do suicidio e a atención á saúde mental formara parte do debate público e da axenda política, da orde do día no Parlamento e en partidas específicas dos orzamentos da Xunta, trasladándose tamén a políticas locais en distintos concellos galegos.  

Non obstante, o Movemento Galego da Saúde Mental entende que “queda moito por facer”. “Debemos recordar que na Galiza case cada día falece unha persoa por suicidio. Son moitas máis as persoas que realizaron tentativas ou teñen pensamentos autolíticos”, engade. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, cada día unhas 12 persoas chaman desde a Galiza á Liña 024 de prevención do suicidio. Á espera dos datos oficiais do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga), que “un ano máis se atrasan de forma inxustificábel, a información provisional do Instituto Nacional de Estatística de 2023 non deixa lugar ao optimismo. Pequenas variacións anuais non reflicten unha tendencia estábel no tempo en canto a redución da taxa de mortalidade”.

“Somos conscientes que o traballo en prevención non produce resultados inmediatos, xa que require estratexias planificadas e sostidas na súas accións, con avaliación repetida de proceso e resultados e cunha fonte de financiación garantida no tempo”, afirma o comunicado do MGSM. Por iso, insisten en que “queda moito por facer”, destacando, entre outras cuestións, liñas estratéxicas no Plan Galego de Prevención do Suicidio que “nin sequera se iniciaron sete anos despois, como todo o relacionado coa investigación e alerta epidemiolóxica”.

“Hai demasiada marxe de mellora. Deberamos ter conseguido un maior desenvolvemento do plan e máis avances, e non só anuncios repetidos e promesas políticas. Cambiar a narrativa non é apropiarse do discurso, senón que require un cambio sistémico que logre avances nas acción”.