Día Mundial contra o Melanoma

As queimaduras solares na infancia e na adolescencia duplican o risco de melanoma na idade adulta

Unha dermatóloga examina unha mancha na pel dunha paciente. (Foto: Gordana Sermek).
O melanoma é o cancro de pel máis agresivo e con peor prognóstico máis frecuente. A prevención segue a ser a ferramenta máis eficaz para evitalo. Esta quinta feira, 23 de maio, no Día Mundial contra o Melanoma, a comunidade médica insiste na protección solar e na autoexploración como medidas máis eficaces.

Na última década, os casos de melanoma aumentaron case 50%. De se manter a tendencia actual, en 2040 este tipo de cancro, o máis letal entre os tumores de pel máis habituais, converterase no segundo en incidencia global e o primeiro entre os homes, por diante do cancro de colon e de pulmón. Son datos da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, que manexa unha taxa de incidencia para o Estado de 12 casos por cada 100.000 habitantes.

Exposición solar

Nos últimos anos as técnicas de detección melloraron ao mesmo tempo que se incrementou o coñecemento sobre as consecuencias dunha exposición solar excesiva ou pouca coidadosa e se empezaron a ver os efectos dese abuso sobre a pel, nomeadamente entre a poboación adulta.

O dano provocado pola radiación ultravioleta vaise acumulando ao longo da vida. Ademais, o risco de melanoma en idade adulta duplícase se na infancia ou adolescencia se produciron queimaduras polo sol. "Entre todos os cancros de pel o melanoma é o máis importante porque dentro dos que son máis agresivos é o máis frecuente", advirte Eduardo Fonseca, xefe de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O melanoma é o tumor que máis problemas achega ás pacientes, pola súa agresividade e porque "ten unha alta mortalidade". Polo xeral preséntase a través de lesións de cor escuro. "Que sexa unha lesión pigmentada nova ou unha xa existente pero modificada de forma significativa é motivo de preocupación. Tamén o é que sexa unha lesión relativamente grande, cos bordes irregulares, varios tons de pigmentación e asimétrica". Todas estas características son signos de alarma, mais non significa que vaia ser un melanoma. É algo que hai que consultar, "porque esas características tamén se corresponden con lesións benignas como a queratose seborreica", que adoita aparecer cos anos.

Vía rápida

O melanoma é un dos nove tipos de cancro que conta cunha vía rápida no Servizo Galego de Saúde. Desde o 2018 máis de 4.500 persoas botaron man deste servizo que reduce o tempo máximo de espera para unha primeira proba diagnóstica ou terapéutica programada e non urxente a 45 días. Con todo, desde a súa posta en marcha a espera media para un diagnóstico con motivo dunha sospeita de melanoma abeira os catro días.

Eduardo Fonseca observa na Galiza unha incidencia do melanoma "maior". "A cifras oficiais son escasas e incompletas. Os rexistros están por debaixo da realidade, pero aquí na Galiza si que hai unha incidencia maior da esperábel. Temos unha poboación moi envellecida, con peles moi claras e un risco alto".

O especialista chama á prevención e a actuar sobre aqueles factores evitábeis. O primeiro, as queimaduras solares, "sobre todo en crianzas e adolescentes", mais tamén anima a coñecer as características da pel e as circunstancias que poden aumentar a sensibilidade ao dano solar de cada persoa.  

Protección e formación

Fonseca afirma que o coñecemento social sobre os perigos do sol é bo, "outra cousa é até que punto coñecendo o problema se seguen as recomendacións". Séguense na infancia, di, mais noutros grupos de idade "priman outros valores que non son os estritamente sanitarios". Neste sentido, reclama unha maior consideración da protección solar, mais tamén un reforzo da formación continua do persoal sanitario "sobre  estes asuntos", descoidada tras os anos de pandemia.