Queiman unha escultura tallada sobre un castiñeiro en Burela: "Isto é un delito de odio"

Un policía inspecciona o estado da escultura tras o acto vandálico (Foto: Concello de Burela).
O Goberno local convoca unha concentración de repulsa e avanza que o monumento será rehabilitado mentres a Policía investiga o sucedido.

A obra escultórica con forma de banco tallada na madeira dun castiñeiro centenario danado polo temporal 'Karlotta' e instalada hai pouco máis de dúas semanas no Camiño de Cinoche da localidade de Burela (A Mariña) amenceu esta cuarta feira completamente calcinada como resultado dun acto vandálico que a alcaldesa do municipio non dubidou en cualificar como un "delito de odio".

Foi unha veciña da localidade que se atopaba paseando á primeira hora da mañá desta cuarta feira polo Camiño de Cinoche do municipio mariñán a encargada de dar a voz de alarma a respecto do acto vandálico acontecido.

Efectivos da Garda Civil e da Policía Local, acompañados pola alcaldesa de Burela, Carmela López (PSdeG), acudiron ás 9 horas da mañá ao lugar dos feitos para verificar que o monumento, obra do artista Carlos García, fora vandalizado. As mostras de condena e de rexeitamento non se fixeron esperar.

"Como alcaldesa síntome indignada e quero mandar a mensaxe de que non todo vale. Quero mostrar a miña repulsa absoluta ante un delito que consideramos de odio contra o Concello e contra o equipo de Goberno", manifestou a rexedora, para acto seguido anunciar a convocatoria dunha concentración este mesma cuarta feira, ás 20.30 horas, no lugar onde se atopa a escultura danada, que logrou preservar a súa estrutura.

"Isto non é unha pintada no banco dun parque. Ao responsábel ou responsábeis fóiselles das mans. Isto é un delito de odio", insistiu, visibelmente consternada, Carmela López, que se puxo en contacto co autor da obra para trasladarlle tamén o seu malestar polo acontecido.

Rehabilitación e investigación en curso

A escultura-banco do Camiño de Cinoche, que fora construída para entregar unha segunda vida a un castiñeiro centenario moi danado polos temporais, será rehabilitada, explicou a alcaldesa de Burela, de maneira inmediata.

"Imos rehabilitar. Se o queiman 20 veces, 20 veces o imos rehabilitar. Porque como dicía o seu artista, que acabo de falar con el, contra nós non van poder", proclamou a rexedora, antes de revelar a existencia dunha investigación en curso posta en marcha pola Garda Civil e pola Policía Local para tratar de dar cos responsábeis.

"Aínda é demasiado pronto para saber quen foi ou quen foron, pero os axentes estiveron desde primeira hora da mañá recollendo posíbeis probas e revisando as cámaras que están perto da zona. Esperamos que as investigacións poidan dar cedo o seu froito", finalizou a alcaldesa.