As queixas pola situación da sanidade ante a Valedora aumentaron 11% no último ano

Miguel Santalices, presidente do Parlamento, e Dolores Fernández, Valedora do Pobo. (Foto: Parlamento da Galiza)
Sanidade, emprego e inclusión social son os principais motivo de queixa dos galegos e galegas, segundo se recolle no 'Informe anual 2023' que a Valedora do Pobo entregou esta sexta feira no Parlamento da Galiza. Entre as tres suman 45% dos 3.737 asuntos sobre os que o ano pasado reclamaron os galegos e galegas ante a Valedora.

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, fixo público esta sexta feira e entregou no Parlamento galego o informe ordinario da institución correspondente ao exercicio 2023, un ano no que  houbo 16.417 expedientes de queixa —dos que se admitiron a trámite 15.801— sobre 3.737 asuntos. Sanidade, emprego público e traballo, e inclusión social centran case a metade dos motivos de queixa e protesta da cidadanía galega.

Á cabeza, un ano máis, a sanidade, con 3.154 expedientes de queixas recibidas sobre 825 asuntos relativos a este campo. Isto representa a respecto de 2022 un incremento nas queixas recibidas pola Valedora de 11%, e de 20% de nos referir aos asuntos sanitarios sobre os que se centraban as protestas cidadás. Listas de espera ou déficit de persoal son algunhas das cuestións sanitarias que centran esas queixas. Neste apartado destacan as 1,739 sinaturas de pais e nais de menores con problemas oncolóxicos e que demandaban nunha queixa colectiva unha mellor coordinación da Unidade oncohematolóxica pediátrica da Galiza. 

En inclusión social as queixas centráronse en 374 asuntos. Presentáronse 6.817 queixas ante a Valedora en 2023, se ben ao redor de 6.000 eran parte dunha colectiva, impulsada pola CIG e que denunciar a fenda dixital que sofren as persoas maiores no acceso ás administracións.

A atención á dependencia, os dereitos de persoas con mobilidade disfuncional ou Servizo de Axuda no Fogar (SAF) están neste apartado entre os motivos de protesta dos galegos e galegas, así como a atención a persoas con ELA.

En emprego e traballo público o número de reclamacións durante o ano pasado foi de 2.118, e relativas a 451 asuntos. Atrasos nos procesos selectivos, concursos de traslados, transparencia ou dereitos laborais foron algúns deses asuntos. 

A Xunta da Galiza é a principal administración albo das queixas da cidadanía a través da Valedora. Dos 3.747 asuntos motivo de protesta en 2023 ante esa institución, case 2.000 teñen como destinataria a administración galega. E deles, 45% teñen a ver coa Consellaría de Sanidade e 13% coa de Política Social e Xuventude.

A administración galega recibiu case 13.000 queixas, mentres que os concellos son albo de 2.579 e as deputacións de 34. O Concello que acumula maior número de queixas é o da Coruña, con 94.

Advertencias

Non sempre as administracións atenden os requerimentos da Valedora do Pobo a raíz das queixas e protestas presentadas polos galegos e galegas. De aí que a entidade que preside Fernández Galiño teña que facer advertencias para obter a colaboración demandada, ás que acompañamos un recordatorio de deberes legais. Educación é o departamento da Xunta con máis advertencias recibidas en 2023: 17. Se falamos de consellarías ás que a Valedora tivo que reiterar até en 2 ocasións a petición de información, a líder quí é Sanidade, con 101.