Asemblea de investigadoras

"Queremos que a asociación sexa o máis plural posíbel"

Reunión de investigadoras na UDC para a creación dun espazo unitario (Imaxe: Asemblea de Investigadoras da USC).

As investigadoras das universidades galegas inician os primeiros contactos para a creación dun espazo unitario que recolla todas as súas demandas. Denuncian a precarización da investigación e as súas inestábeis condicións.

A pasada quinta feira, arredor dunha vintena de investigadoras e investigadores reuníronse  no Centro de Investigacións Científicas da Coruña, pertencente á universidade desta urbe. Nela abordouse a creación dun espazo unitario que recolla as demandas de todos os colectivos de investigadoras galegas ligadas aos centros universitarios, unha proposta impulsada desde a Asemblea de Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

"A afluencia foi menor que en Compostela, mais estamos contentas", conta a Nós Diario a investigadora posdoutoral Elena Landeira, "viñeron representante da Universidade da Coruña (UDC), pero tamén de centros adscritos como a  Fundación do Hospital Nóvoa Santos".
Lendoiro explica que a dinámica de traballo da asemblea foi aberta: "Levamos un guión flexíbel; explicamos cales son os nosos obxectivos, que se poden resumir un pouco no dunha carreira investigadora digna, e escoitamos as demandas das asistentes".

A medida que as presentes se animaban a compartir as súas experiencias xurdiron problemáticas comúns entre Coruña e Compostela. "A falta de recursos e, sobre todo, a precarización das investigadoras", resume Lendoiro. Tras a reunión as organizadoras recolleron unha lista cos nomes das persoas interesadas en participar nese futuro espazo unitario. "O 22 de xaneiro imos ter outro encontro no campus de Vigo, no edificio Miralles. Tamén queremos organizalos nos campus máis pequenos; os de Ferrol, Lugo e Ourense, máis deixados de lado ou discriminados", avanza esta investigadora da USC.

"Queremos que a asociación que resulte sexa o máis aberta e plural posíbel. Non procuramos centrarnos só nas investigadoras predoutorais ou posdoutorais, senón tamén contar coas técnicas de laboratorio, por exemplo, todas aquelas que fan posíbel a investigación", conclúe Elena Lendoiro. 

Terzas feiras en negro
Ademais da creación dun espazo unitario en defensa das reivindicacións das investigadoras, o colectivo compostelán xa roza as cincuenta terzas feiras vestindo de negro. Este movemento iniciouse para denunciar as discriminacións que sofre o colectivo, como as diferenzas entre as distintas tipoloxías de contratos ou a súa precariedade.