Queres estudar nunha escola oficial de idiomas? Estes son os prazos de inscrición

Entrada da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Compostela (Foto: Nós Diario).
Actualmente, a Consellaría de Educación conta con 11 escolas oficiais de idiomas cun total de 28.500 alumnos e alumnas matriculadas.

A Xunta da Galiza abrirá o 24 de xuño o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas (EOI) para o próximo curso 2024-25, tal e como publica esta quinta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG), nunha orde que regula a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica deste ensino de réxime especial.

Actualmente, a Consellaría de Educación conta con 11 escolas oficiais de idiomas cun total de 28.500 alumnos e alumnas matriculadas. Todas elas teñen acceso a 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, castelán e galego.

Para acceder a esta formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir os ensinos dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) como primeira lingua estranxeira.

No caso dos alumnos de novo ingreso para o nivel básico A1 de calquera dos idiomas impartidos nas EOI, deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 24 de xuño e o 5 de xullo. Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase nun acto público o día 8 de xullo ás 9 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa. O alumnado de nova incorporación que obteña praza neste sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo.

Continuidade de estudos

No caso do alumnado matriculado no actual curso 2023-24, e que desexe continuar estudos no curso 2024-25 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 18 e o 28 de xuño en convocatoria común.

A convocatoria extraordinaria de matrícula (para os que non resultaron aptos ou non se presentaron na común) irá do 28 de xuño ao 5 de xullo. Tanto para alumnos e alumnas de novo ingreso como de continuidade, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña.

Con todo, unha vez que termine o proceso de matrícula e até o día 20 de setembro, no caso de quedar prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións do alumnado de novo acceso que non realice o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de espera.