Queres estudar na USC o vindeiro curso? Estes son os graos que aumentan as súas prazas

Estudantes (Foto: RAG).

A USC ofertará o próximo curso académico 4.587 prazas de novo ingreso en grao

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) ofertará o próximo curso académico 2024-25 un total de 4.587 prazas de novo acceso ás titulacións de Compostela e Lugo.

Segundo o acordado no consello de Goberno da institución decorrido esta quinta feira, a oferta inicial inclúe, respecto do presente curso, incrementos de prazas nos graos de Enxeñería Informática (de 85 a 100), Empresa e Tecnoloxía (de 45 a 55), Historia (de 100 a 110), Xeografía e Ordenación do Territorio (de 50 a 55), Historia da Arte (de 88 a 90) e Enfermaría de Lugo (de 83 a 85).

A oferta de novas prazas en dobres graos ascende a un total de 136, incluíndo a proposta de incremento para as simultaneidades de Matemáticas e Enxeñaría Informática e de Física e Matemáticas, en ambas as dúas de 10 a 12 prazas de oferta total.

Ademais, aprobaron a oferta de prazas de mestría universitaria que ascenderá a 1.809 e en programa de doutoramento, con outras 860.

Outros acordos

Por outra banda, deron luz verde ao acordo sobre os procedementos de admisión aos estudos de grao nas universidades públicas do Sistema Universitario Galego (SUG) para o próximo curso académico.

Esta normativa foi elaborada pola Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) e regula tanto as regras de funcionamento e procedementos de admisión como os criterios de valoración e a súa ponderación e baremos, así como as regras para estabelecer a orde de prelación e as regras para estabelecer a orde de prelación na adxudicación de prazas dos ensinos oficiais de grao nas tres universidades.