"Quero que me atenda un español". Así foron os comentarios xenófobos dun cliente expulsado dun bar de Castrelo de Miño
O restaurante Parque Náutico de Castrelo de Miño viuse na obriga de botar unha familia da súa terraza o pasado sábado pola noite por proferir "comentarios xenófobos" por parte dun membro da propia familia cara a un dos traballadores do restaurante.
"Botamos unha familia da terraza por comentarios xenófobos cara a un compañeiro? Botamos!". Así o relata en Twitter o propio perfil do negocio, que insiste en que o seu empregado, de nacionalidade marroquí, "merece todo o respecto, como os demais".
Este restantante, que colgou en redes sociais a factura que deixaron a deber estes comensais, recoñece que non se arrepinte de perder os 13,70 euros que custaron as súas consumicións.
Ademais, nesta publicación, que xa acumula máis de 5.000 'gústames' e case 900 'rechouchíos', contan que, cando o xefe acudiu a recoller as bebidas desta mesa "sen levantar a voz nin unha vez", a clientela que estaba ao redor "aplaudiulle" pola súa actitude exemplar.
"Debería ser o máis normal do mundo", asegura en declaracións o xerente do restaurante, Dosi Veiga, quen decidiu actuar despois de que unha das súas empregadas o advertise da actitude deste cliente.
"Quero que me atenda un español"
O responsábel do local acudiu a esta mesa e preguntoulle "en voz baixa" se había algún inconveniente cos seus traballadores. "Ningún problema", respondeu o home, aínda que seguidamente engadiu que lle gustaría que o atendese "un español" e non M. (o xerente prefire ocultar o nome do empregado porque se trata dun menor de 17 anos).
Veiga volveu ao interior do restaurante, mais minutos despois os clientes doutra mesa advertíronlle de tería que botar a este home porque continuaba cos seus comentarios xenófobos.
Entón, decidiu ir de novo á mesa e recollerlles as bebidas para que a familia marchase, tras o que o resto de conmensais comezaron a aplaudir. Dosi teno claro: "Parece que en hostalería hai que aguantar calquera cousa, pero non".
A pesar da súa actitude exemplar, o xerente prefire restarlle importancia á repercusión xerada en Twitter, onde decidiu contar a anécdota xa o domingo pola tarde.