Entrevista

Moncho Iglesias, tradutor de 'Nacerán as oliveiras': "Quero que a xente coñeza Palestina con outra mirada"

O filólogo e tradutor Moncho Iglesias Míguez. (Foto: Eduardo Castro Bal)
Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo, doutor en Filoloxía Galega e tradutor dos 23 poemas de autores e autoras palestinas que dan forma a 'Nacerán as oliveiras', un caderno especial que se distribuirá de balde con 'Nós Diario' o próximo sábado, 5 de outubro.

Como foi o traballo de tradución destes 23 poetas palestinos do caderno?
Levou tempo. Había palabras que non sabía ben como traducir, preguntei mesmo ás autoras e autores e a amigas que tamén axudaron. Con algúns dos poemas levo anos, coñecendo a literatura palestina, que me encanta; fan cousas marabillosas. Pensamos en recoller autorías de xente que son necesarias. E podería haber moitas máis autoras e autores, porque hai moi boa escrita e temas moi diferentes en Palestina.

Cal diría que é a temática común destes poemas para transmitir na Galiza?
Demostrar que en Palestina non só ensinamos vida, senón que tamén aprendemos a vivir día a día, escribimos, lemos, facemos cinema, imos ao cinema e ao teatro, tomamos café, namoramos e desnamoramos... Temos vida como o resto do mundo a pesar do que acontece. Humanizar Palestina é moi importante, ver que hai xente debaixo desas bombas. É preciso darlles voz e visibilizar que existen máis alá das imaxes horrendas que nos chegan.

Cal é o texto que máis impacto lle causou ao traducir?
A Ahmed Masoud coñézoo pola súa escrita, temos amizade, voulle preguntando sempre como están el e a súa familia. A resposta é que están vivos, unha resposta horribelmente optimista, porque un día Ahmed contestou e dixo que o seu irmán non estaba porque lle dispararan. Ferírono, non puido chegar ao hospital porque lle volveron disparar e morreu. Dedicoulle un poema no que fala del e pídelle que o agarde porque algún día van voltar a compartir todas as brincadeiras que compartiran de pequenos. Foi moi emotivo por coñecer a persoa e porque no poema está falando con alguén que xa non está.

Algunha outra recomendación como experto na literatura palestina?
Hai outro poema que me encanta, de Ibrahim Nasrallah. É como unha ladaíña do que é a paz, do que temos e non temos. Fala de que a paz para eles é algo prohibitivo para quen está fronte a eles provocando que non teñamos esa paz. Tamén Mahmud Darwix nun dos poemas di que é pacífico, que non vai pelexar contra ninguén, pero se os seus fillos pasan fame e alguén os ataca, vainos defender. Son diferentes posturas e formas de defender e berrar contra as inxustizas, o feito de non poder vivir pensando que o maior goce do día a día é estar vivo.

Como lembra a vida en Palestina?
Lembro as vistas marabillosas que hai en toda Palestina, é un sitio que ten moitísimo para ver, marabilloso para visitar, aprender, moverse, coñecer xente, bailar, ler literatura... Mais non para visitar e ver como caen acios de bombas, como semella que está a facer algunha xente agora. Non é algo bonito ver como matan á xente, non debería ser un espectáculo máis alá de certas películas que a alguén lle poden gustar.

Cal é a mensaxe que trasladará ás rúas o caderno Nacerán as oliveiras o próximo sábado, 5 de outubro?
Quero que a xente coñeza Palestina a través doutra mirada. Que vexan que en Palestina hai moitos escritores e escritoras. Esta é unha pequena escolma; a idea é coñecer máis Palestina, coñecer que se fan moitas cousas, coñecer que hai vida e xente que quere vivir. Xente inocente que está sendo buscada simplemente por escribir. Escribir e falar é molesto, quérennos calados, invisíbeis e sen molestar. A palabra é unha loita que non derrama sangue. Calquera acto que se faga por Palestina é positivo. Para eles, que se fale deles é moi positivo porque lles fai saber que existen e que hai xente que os ve como seres humanos, non como terroristas.

O valor dun traballo colectivo

Moncho Iglesias fala da súa veciña en Palestina ou da súa mestra de árabe coa familiaridade de quen segue en estreito contacto e bota en falta estas persoas. “As terzas feiras pola mañá miña veciña ía xogar ao bingo coas amigas", lembra con agarimo. "Viaxaba, facía o xantar e ía visitar os seus fillos, que vivían fóra de Palestina desde despois da Primeira Intifada", conta. Ao falar da súa profesora de árabe, a Moncho Iglesias arrecéndelle a té e a uns pasteis deliciosos. Lonxe delas, destaca o seu papel no caderno de Nós Diario "polo traballo colectivo, a escola, os debuxos ou as ilustracións", pois "é todo un esforzo cun resultado precioso".