Radio Xallas, a emisora municipal de Santa Comba, entrevista candidatos das 10 formacións que concorren ao 18-F pola circunscrición da Coruña

Radio Xallas

O director da radio destaca o apoio do Goberno local a esta proposta de “exercicio democrático”.

Todas as formacións que concorren ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro van ter voz en Radio Xallas, a emisora municipal de Santa Comba que sirve de nexo nas ondas ás comarcas xalleira, da Costa da Morte e Compostela.

Lograr desde unha emisora local, e no remuíño e complicacións que supón unha campaña electoral, ter estas 10 voces é meritorio e un exemplo de aposta pola pluralidade.

O director da radio, Xosé Manuel Lema, contactou con representantes das dez formacións que se presentan pola circunscrición coruñesa. “Non é sinxelo cadrar as axendas, pero xa temos confirmación de todos os partidos e polo tanto estamos orgullosos de dar voz a todas as opcións”, manifesta.

Para Lema dar voz a estas 10 formacións é “un exercicio democrático” e quixo agradecer o “motivador” que resulta que desde o Goberno municipal de Santa Comba “apoiaran” este proxecto.

O alcalde xalleiro, Alberto Romar, mostra o seu apoio á iniciativa: “A pluralidade é un sinal de identidade de Radio Xallas. Así entendemos nós os medios, que sexan próximos, participativos e abertos”.

Na emisora son conscientes da repercusión comarcal que esta aposta en plena campaña electoral vai ter entre os oíntes da emisora, tanto a través do 107.5FM como por internet www.santacomba.es, e a través dos Podcast en Ivoox e Spotify.

Radio Xallas quere situar Santa Comba como capital da comunicación dunha ampla área e como nexo entre Xallas, a Costa da Morte e a zonade Compostela.

“Somos un cruce de camiños, un pobo de intercambio social e cultural, e queremos escoitar todas as voces e dar cabida a tódalas opinións. E as eleccións son unha ocasión de amosar o talante xalleiro” sentencia Romar.

Con este amplo operativo electoral terán voz nas ondas xalleiras non só o PP, BNG ou PSdeG, tamén Sumar, Podemos, Vox, Espazo Común, Pacma, Por un Mundo Máis Xusto, e Escanos en Branco. Todas as opcións que se presentan ás eleccións o vindeiro do 18 de febreiro.