Radiografía dun "fracaso": catro décadas sen planificación do territorio galego

Detalle da simbiose rural-urbano en Compostela. (Foto: Arxina)
Esta quinta feira desenvólvese en Compostela o congreso Reforma do mapa municipal da Galiza, organizado pola Consellaría de Presidencia; unha oportunidade para valorar a ordenación e organización territorial da Galiza e as súas consecuencias.

Na Galiza non existe unha ordenación a nivel galego do territorio. Así o manifestan especialistas en Xeografía a Nós Diario, contactados para coñecer a situación da planificación territorial, un campo que inflúe en non poucos aspectos do día a día da cidadanía, desde a mobilidade á vivenda, pasando polo emprego. "Para falarmos da historia recente da ordenación e a planificación territorial na Galiza hai que referirse a un fracaso", afirma Rubén Lois González, xeógrafo, catedrático de Análise xeográfica rexional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega).

Na mesma liña afonda Valerià Paül Carril, doutor e profesor de Xeografía e ordenación do territorio: "Non hai un timón, unha idea clara do que se quere, hai unha falta evidente de planificación", apunta en declaracións a este medio. "Na Galiza non hai ningún plan supramunicipal de ordenación do territorio, é un caso único no Estado". Rubén Lois apunta a que sen unha ordenación a nivel galego do territorio aquí permitiuse que "a golpe de plan urbanístico, cada concello fora ao seu".

Grao de urbanización e de poboación da Galiza con datos do IGE.

A Galiza foi á cola das comunidades en canto a aprobación de leis e directrices de ordenación territorial —"Hai un plan de directrices de 2011 que é exemplo de plan que non di nada", resume Valerià Paül. O recurso ás escalas supralocais, comarcais ou metropolitanas para planificar deixouse nun plano moi secundario, coinciden. Para o director do Idega, ese escenario permitía un "mapa municipal rendíbel aos seus intereses electorais". 

Peor

"A ordenación do territorio é inexistente como política pública autonómica, despois de corenta anos de existencia do Estatuto", acredita Lois. O estado do territorio no seu conxunto está "peor na actualidade que nos anos 1980". Houbo "un fracaso da comarcalización, unha progresiva desaparición da vida parroquial e un bloqueo das experiencias metropolitanas", conclúe Lois. 

"No das áreas metropolitanas a descoordinación é enorme", salienta Valerià Paü, produto desa "falta de planificación" en ordenación do territorio e que acaba tendo efectos en cuestións como a mobilidade ou a vivenda. "Hai que preguntarse que queremos ser. Tres, catro ou cinco cidades descoordenadas e o resto deixado?", indica.

Consecuencias

A renuncia a unha organización e ordenación do territorio a nivel galego ao longo destas catro décadas deixa pegada e pasa factura. Unha delas, a "fenda entre a Galiza litoral e a interior", segundo Rubén Lois, cunha ausencia de planificación para a segunda ("non hai unha ordenación [desa Galiza], o que fai que sexa moi apetecíbel para proxectos como pode ser Altri ou mineiras", engade Valerià Paül]". No que respecta á Galiza litoral, Lois considera que na mesma hai "un descontrol".

"Hai uha tensión urbano/rural", indica Paül, na que hai unha parte ampla do territorio que vai ficando abandonada "e en contraste as cidades, todas elas cun aumento urbanístico constante e todas elas con problemas de vivenda".

Para alén desta fenda entre a costa e o interior; entre o urbano e o rural, Lois mantén que "non existen as áreas metropolitanas". Algo que completa Paül ao dicir que "a nivel de territorio, non está organizado o sistema urbano galego", algo que se aprecia na mobilidade: "Que pasa con Lugo que parece que está sempre 'colgando' en canto a conexión co resto da Galiza?". Os dous xeógrafos coinciden en sinalar Euskadi como un exemplo de ordenación do territorio, cunha planificación clara desde hai anos e na que as estratexias son planificadas a nivel vasco, á marxe de localismos. "Teñen unha idea clara do que queren ser e do país, do territorio que queren ter".

A Galiza, porén, non é que teña esas preguntas sen respostar, é que nin sequera se está a facer esas preguntas. "Que queremos ser de maior?", ironiza Paül, "e que non estamos nin aí, estamos na improvisación, na indefinición absoluta, sen diagnostico nin un interese polo que queremos ser" a nivel de ordenación do territorio. Para Rubén Lois, o principal, precisamente, é ter esa "idea" da Galiza. Ten claro, "como a maioría dos urbanistas e expertos", de que as políticas do solo, de ordenación do territorio e de preservación ambiental deben cambiar na Galiza no curto prazo. Debe de traballarse para un "consenso" para unhas "mudanzas básicas", como aprobar unhas directrices básicas de ordenación a nivel supramunicipal, ou a creación dun observatorio permanente que avalíe a efectividade da planificación territorial e urbanística. "Hai que ter unha idea da Galiza", conclúe, lamentando que iso "parece" que é o que falta no Goberno galego. 

As reflexións dos expertos chaman a unha reordenación máis alá da fusión ou non de concellos, un dos temas que se debate hoxe en Compostela nun congreso organizado pola Xunta e no que se presentará un informe sobre as fusións. 

Un tema sobre que o politólogo e ensaísta Manuel Anxo Fernández realizaba onte unha reflexión: "Provincia de Burgos: 371 concellos e 357.370 habitantes. Galiza: 313 concellos e 2.699.424 habitantes. No primeiro a inmensa maioría teñen menos de 250 habitantes, en Galiza só un. O tema é, fusión ou confusión para non falar de que financiamos as deducións aos ricos madrileños?".

Portugal, as consecuencias de carecer dunha "regionalização"

Inês Gusman, portuguesa e investigadora do Departamento de Xeografía da USC, sinala a Nós Diario tres "fallas" ao su ver a ter en conta á hora de analizar o proceso de ordenación territorial ao sur do río Miño. As dúas primeiras, explica, son a falta de coordinación vertical e de coordinación horizontal. A primeira deriva de que "non existe unha estrutura intermedia político-administrativa" entre o nivel local e o estatal, como poden ser as autonomías no Estado español. Iso complica unha ordenación territorial, ao igual que a "falta" dunha "coordinación horizontal" entre todas as políticas sectoriais implicadas no ordenamento do territorio.

A isto, Gusman engade a "falta de coraxe" á hora de adoptar decisións políticas que fagan avanzar esta organización. Esta investigadora da USC si que salienta os exemplos das eurocidades galego-portuguesas (Tomiño-Cerveira, Tui-Valença, Salvaterra-Monção e Verín-Chaves) á hora de falar de planificar o territorio. "É a proba de como é posíbel ter vida no territorio, superando fronteiras", indica. "Son concellos nunha situación periférica nos seus estados e rachan con esa periferia cooperando co outro lado da fronteira", aplaude, mesmo, nalgúns casos, deseñando unha axenda urbana común.