Ramón Vilalta: "Hai un deserto no mundo da ciencia en galego"

O profesor tamén publicou obras como 'Astronomía práctica e outras cousas' ou 'Todo vai'. (Foto: Ramón Vilalta)
Nado en Montevideo, Ramón Vilalta é doutor en Química e durante varios anos impartiu clases de Astronomía na Galiza, xa que existía como tal no antigo BUP. Seguindo o seu labor de divulgación, Vilalta vén de presentar a súa obra O modelo do Big Bang e a xestación do Universo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.

Sobre que versa o libro?

A obra fala desas dúas temáticas que aparecen no título, que van da man. Por unha banda, o que é o modelo, que podemos dicir que hai un, que non hai ningún ou que hai moitos modelos, de Big Bang, existe unha confusión importante co nome. Outra cousa é como se xestou este universo, como cremos que foi.

Mais alá destas cuestións, aproveito tamén para describir algunhas técnicas. Por exemplo, como coñecemos a distancia á que están afastados os astros, como chegamos a saber que o universo está en expansión ou técnicas que se están a madurar e que nun futuro inmediato comezarán a funcionar, así como proxectos a curto ou medio prazo que poden ofrecer máis información sobre o tema. 

Cal é o principal obxectivo da obra?

Basicamente, busco dar información a persoas que non están metidas no mundo da ciencia. A peza parte de cero, da idea de que non sabemos sobre a cuestión. Trátase un pouco de como podemos visualizar o camiño que seguen estes temas hoxe en día. A idea sería achegar un pouco de cultura xeral.

Existen outras propostas en galego similares á súa?

Eu teño escrito algunha obra máis ao respecto, pero a verdade é que hai un deserto no que se refire ao mundo da ciencia en galego. De feito, o primeiro libro que escribín, Astronomía práctica e outras cousas, téñoo visto na sección de literatura galega, simplemente por estar en galego a pesar de ser unha obra sobre ciencia. Mesmo nas librarías existe un desconcerto sobre o tema. Realmente iniciativas hai moi poucas. Salvando a colección 'Básicos Ciencia' da Editorial Xerais e algún libro particular, non hai gran cousa. É un campo pouco traballado e o galego temos que traballalo en todos os ámbitos, para que siga vivo. 

Ademais, ao haber pouca divulgación e publicacións, hai pouco coñecemento. Por exemplo, no ensino está prohibido dar Física e Química en galego na ESO desde o decreto do 2010. Non hai moitas fontes para chegar a esta cuestión e se non se espalla esa divulgación, non se pode xerar coñecemento.

Anos atrás, a astronomía estaba incluída no plan de estudos dos institutos.

Antes era unha materia opcional que había no antigo Bacharelato Unificado Polivalente. Coa reforma, eliminaron esa posibilidade. A Astronomía é un tema que se dá en Ciencias Naturais en 1º da ESO e os rapaces non teñen aínda a madurez axeitada para entender cuestións máis abstractas, como poden ser a astrofísica ou a cosmoloxía. Tamén se pode ver nun tema de Ciencias Sociais, pero repártense aí e non hai unha materia propiamente. Eu nacín no Uruguai e alí a astronomía é obrigatoria. Antigamente só se consideraba como tal en catro países do mundo: Grecia, a Unión Soviética, Alemaña e Uruguai. Neste sentido, si que estou especialmente sensibilizado sobre o tema. É un problema que ten que ver coa formación científica en xeral, pero no caso da astronomía é aínda máis grave.

Por que cre que se prescindiu desta materia?

Na miña opinión, ten moito que ver co peso que tivo sempre a Igrexa e certos sectores conservadores na sociedade e na educación. Sempre que hai unha reforma educativa, o tema central acaba sendo a revisión da relixión como materia alternativa, obrigatoria... Sabemos os problemas que hai para avanzar na sociedade neste sentido. Vén desde a Ilustración e de como se lle fecharon portas. Coa ditadura tamén se foi prolongando e é un tema que está historicamente pendente de resolución. Non hai un punto de modernización no que se diga que todos nos facemos esta pregunta nalgún momento da nosa vida: De onde vimos e a onde vamos? Cantábao mesmo Siniestro Total nun tema. E como se pode entender entón que non estea presente nos currículos vitais de todo o mundo? Non se trata de meter moita matemática, senón de achegarse ao tema no momento axeitado sen máis pretensión que aprender.