A rapazada galega dedica máis de tres horas diarias ás redes sociais

Unha persoa empregando as redes sociais (Foto: Nós Diario).
Un informe revela o impacto do uso das pantallas.

Un 47,2% da rapazada galega afirma que tivo algún tipo de trastorno psicolóxico ou peores cualificacións escolares por pasar moitas horas conectado a internet. As actividades en liña ás que máis tempo dedica son as redes sociais (78,3%), escoitar música (71,3%) e ver series ou vídeos (68,9%). 

Son datos do informe Mozos e internet en Galicia 2024, elaborado por iCmedia Galicia entre máis dun millar de rapaces e rapazas de 12 a 16 anos e de 17 a 25. Segundo revela o estudo, máis da metade dos e das adolescentes consultadas (57,5%) accede a internet sen ningún tipo de control ou restrición por parte dos seus pais ou titores.

En canto aos efectos das pantallas, unha de cada tres persoas (33,3%) admite que as horas que pasa na rede ocasiónanlle problemas de sono; un trastorno que se agrava entre as mozas de 17 a 25 anos, pois a metade delas afirma sufrir ese tipo de problemas. Outros síntomas que sofren os mozos galegos por pasar moitas horas na internet son os cambios de humor, que afectan a 15,5% dos enquisados, ansiedade (11,2%) e mesmo ataques de ira (10,7%). En menor medida sinalan que a adicción ás pantallas provócalles illamento social (7,4%) e ciberacoso ou acoso escolar (4,4%).

Redes e pornografía

O informe, que esta quinta feira se presentou na Delegación da Xunta da Galiza en Vigo, nun acto organizado en colaboración coa Asociación de Xornalistas da Galiza, revela que as horas que a mocidade pasa conectada a internet afectan de maneira significativa o seu rendemento escolar. Un 17,9% recoñece que sacan peores notas por ese motivo, nomeadamente adolescentes, (19,2%).

Aínda que as redes sociais son a principal actividade na internet –97,9% ten polo menos unha conta– hai importantes diferenzas entre homes e mulleres. Catro de cada dez dedícanlles máis de tres horas diarias e un de cada dez pasa nelas máis de 5 horas ao día. Os mozos prefiren os videoxogos (74,7%), mentres que quen máis compran en liña son as mozas de 17 a 25 anos; case a metade faino de forma habitual.

O acceso dos menores a contidos pornográficos tamén se reflicte no informe, unha realidade preocupante polo seu impacto no comportamento afectivo-sexual da rapazada. Un de cada tres mozos entrou en páxinas web de contidos pornográficos e un de cada cinco adolescentes homes faino "con frecuencia".