Rastrexadores fronte ao avance da pandemia

A detección prematura de novos casos seguirá pivotando sobre a Atención Primaria (Europa Press).
Controlar os novos contaxios por coronavirus é un dos obxectivos esenciais na fase de desconfinamento. Nesta etapa avanzada da epidemia xorde unha figura destacada para atender o labor de vixilancia epidemiolóxica e frear a expansión da COVID-19. Entra en xogo o rastrexador, encargado de identificar os contactos dos novos positivos e iniciar un seguimento da súa evolución. Na Galiza, a encomenda recae sobre unha plataforma tecnolóxica integrada por unha vintena de operadoras.

detección precoz de novos casos positivos por coronavirus mais o reforzo da vixilancia epidemiolóxica son dous dos requirimentos para avanzar nun desconfinamento libre de contaxios. Rebaixar ao máximo a transmisión é unha prioridade para controlar a propagación da COVID-19 e garantir unha evolución favorábel da doenza.

O Ministerio de Sanidade xa adiantou a necesidade de consolidar estas dúas capacidades do sistema de saúde. Un esforzo ao que contribúen numerosos indicadores diarios mais tamén unha figura que gaña relevancia nesta nova fase do desconfinamento: a do rastrexador.

Coñecer a trazabilidade dos casos positivos que se vaian detectando nesta etapa máis avanzada da epidemia será un factor chave para evitar a extensión do virus. Trátase de rastrexar os contactos dos novos positivos para os pór en corentena, vixiar a súa sintomatoloxía e anticipar futuras infeccións. Así, o método consiste en identificar os contactos e en continuar un seguimento rigoroso de todas as persoas que vaian entrando nesta rede de posíbeis casos para evitar que xeren novas cadeas de transmisión.

Trátase de rastrexar os contactos dos novos positivos para os pór en corentena, vixiar a súa sintomatoloxía e anticipar futuras infeccións.

Plataforma tecnolóxica 

A experiencia funciona con éxito noutros países. A China, Corea do Sur, Estados Unidos, Bélxica, Alemaña e Reino Unido son algúns dos que contan con profesionais formadas para rastrexar a difusión do virus.

No Estado español non existe un protocolo que diga como se debe afrontar esta vixilancia epidemiolóxica, así que a súa planificación depende dos diferentes territorios. Na Galiza, o Sergas acaba de pór en marcha unha plataforma tecnolóxica integrada por un equipo de 20 operadoras encargadas de activar o seguimento das pacientes diagnosticadas como casos sospeitosos de COVID-19 e dos seus contactos, sen precisar máis sobre o seu perfil profesional nin da relación coa Consellaría de Sanidade, que non respondeu as preguntas de Nós Diario ao respecto.

Xa deberían estar funcionando desde hai un mes.

Sen entrar a valorar, de primeiras, a fórmula escollida pola Administración galega, é cara a onde piden dirixir os esforzos profesionais da saúde pública e da Atención Primaria. "A porcentaxe de persoas inmunes na Galiza é moi baixa", asegura o profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela Juan Gestal. "Debemos ser moi coidados e cumprir coas medidas de prevención". Baixo o seu punto de vista, o estudo de seroprevalencia desenvolvido polo Sergas "era importante levalo a cabo para coñecer a situación epidemiolóxica. Coido que acadou o seu obxectivo, mais agora é moi importante que se localicen as fontes de infección, moitas delas asintomáticas".

Para Juan Gestal, o labor dos rastrexadores é imprescindíbel neste estadio da pandemia. "Xa deberían estar funcionando desde hai un mes, tal como recomendou a Organización Mundial da Saúde". O profesor da USC reivindica "o diagnóstico precoz de todos os casos, por leves que sexan, e a busca exhaustiva dos seus contactos". Tamén de asintomáticos, en todos os ámbitos, sobre todo, entre os colectivos de maior risco: "persoal sanitario, sociosanitario, residentes da tercera idade, colectivos esenciais e empresas".

"Cando a curva de asintomáticos comece a diminuír, despois de acadar o cumio, indicará que empezamos a ter baixo control a fonte de infección. Este é o único modo de asegurar que non vaiamos ter un novo brote, ademais do noso propio comportamento", recalca.

Un papel activo

Desde a Atención Primaria, Moncho Veras, médico de familia na área sanitaria da Coruña e membro de SOS Sanidade Pública, reclama un papel máis activo do seu servizo. "Creo que o estudo de contactos se lle debería encargar á Atención Primaria, sen sacalo fóra do sistema".

Non sabemos quen é ese grupo nin onde está, tampouco se van ter acceso ou non ás historias clínicas.

Estabelecer vías paralelas non adoita funcionar, explica a Nós Diario, porque implica sacar fóra do sistema un seguimento esencial dos casos positivos e dos seus contactos. "Non sabemos quen é ese grupo nin onde está, tampouco se van ter acceso ou non ás historias clínicas. A información que temos é que nós, ao introducir un determinado código nun historial, activamos unha alerta que salta nesa central, e que a partir de aí, teñen 24 horas para recabar toda a información e iniciar o rastrexo", afirma.

Con todo, descoñece o funcionamento pormenorizado do protocolo e dubida que sexa o máis eficaz para as usuarias, que manteñen o centro de saúde como espazo sanitario de refencia. "É un traballo para a Atención Primaria", salienta, "e se consideran que non está en condicións de asumilo, deberían reforzala, porque a plataforma de rastrexo tamén exixiu contratar".

Claridade e negociación

Desde o ámbito sindical, comparten boa parte das dúbidas e do descoñecemento que manifesta o colectivo médico. "Non sabemos quen son os operadores nin a que empresa pertencen. A semana pasada, por dúas veces, en días consecutivos, preguntámoslle ao director de Asistencia Sanitaria, mais non obtivemos ningunha reposta", sinala María Xosé Abuín, da CIG-Saúde. "E preocúpanos saber quen vai facer o traballo de rastrexo e de recompilación de datos; porque sexa quen sexa, vai ter acceso a información privada da poboación galega, social e sanitaria, moi relevante", engade.

Desde CCOO tamén din non saber "nada". "Nin do protocolo que van usar nin do sistema de alertas nin dos perfís profesionais que se van encargar do rastrexo". Con todo, Emilia Lamas mantén que esta vixilancia non pode desvincularse do plan de reactivación da Atención Primaria, por iso defende un papel máis activo "dos centros de saúde, do 061 e dos Puntos de Atención Continuada (PAC)".

Para Javier Martínez, responsábel de Sanidade de UXT, urxe que a Consellaría explique o funcionamento da plataforma de rastrexo e onde se localiza, ademais de por que optou por esta solución no canto de "reforzar con persoal público os servizos sanitarios, sobre todo cando hai profesionais nas listas" que ben poderían realizar este seguimento.

Os sindicatos denuncian escurantismo e unha escasa negociación por parte da Xunta, por iso instan a Administración a consensuar o cambio de modelo na actividade asistencial sanitaria, unha consecuencia derivada do coronavirus que vai supor a reorganización do patrón actual. Así, piden negociar as novas condición laborais e asistenciais.

Sospeitosos e confirmados

Todos os territorios deberán notificar a diario ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias estatal os casos sospeitosos e confirmados, tanto os detectados en Atención Primaria como nos hospitais. Cada terza feira, deberán informar das doentes asintomáticas que tivesen síntomas compatíbeis coa enfermedade hai máis de 14 días e cun resultado de infección resolta nun test se