Xustiza

Ratificada unha nova condena ao Sergas e a súa aseguradora, que deberá pagar 160.000 euros por neglixencia

Sede da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Os feitos remóntanse ao ano 2017, cando unha nena de 20 meses foi sometida a unha intervención por un prolapso rectal tras a cal presentou complicacións como unha grave infección.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de ratificar unha nova condena ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e mais a súa aseguradora, SegurCaixa Adeslas, a pagar 158.943,69 euros a unha familia por unha neglixencia médica nunha operación realizada a unha nena de 20 meses. Os maxistrados, nun fallo con data do pasado 28 de xuño que aínda non é firme, desestiman o recurso do Sergas e a mutua contra unha sentenza previa emitida en abril de 2023 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago que fixaba esa indemnización: 103.943,69 euros para a menor afectada e mais 25.000 para cada un dos proxenitores.

Os feitos remóntanse ao ano 2017, cando a nena se someteu a unha intervención por un prolapso rectal tras a cal presentou complicacións como unha grave infección. Os seus proxenitores presentaron un recurso de reposición ante a Xunta da Galiza, que recoñeceu que houbera "falta de consentimento informado" no proceso e concedeu unha indemnización de 3.000 euros.

Con todo, os pais recorreron ante os tribunais e, en primeira instancia, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago elevou ese pagamento a case 160.000 euros non só pola falta de consentimento informado, senón tamén por neglixencia no pos operatorio. Ante este primeiro veredicto, a Xunta e a aseguradora recorreron alegando que a intervención cirúrxica "non foi contraria á lex artis" e reclamando unha redución da contía indemnizatoria.

Na resolución do recurso, o TSXG insiste en que a operación "non contou co debido consentimento informado", algo recoñecido pola propia Administración, polo que os proxenitores non puideron "calibrar os riscos da operación" nin "valorar diferentes alternativas de tratamento".

Por tanto, aínda que a adecuación ou non da intervención ao problema de saúde da nena "é irrelevante", os maxistrados ratificaron que, no pos operatorio, o Sergas "puido detectar a tempo, ou polo menos días antes", as complicacións. "Non podemos estar de acordo con que mediou unha atención sanitaria adecuada, nin que non mediou unha infracción da lex artis", sinalan.

Por tanto, o TSXG ratificou a condena ao pagamento de 158.943,69 euros por parte de Sergas e SegurCaixa Adeslas, ao que se suman os xuros legais e as costas do procedemento, até 750 euros cada unha. A sentenza do alto tribunal galego non é firme e aínda cabe recurso ante o Tribunal Supremo.

O avogado Cipriano Castreje, que representou a familia, asegura nun comunicado que esta decisión xudicial "senta un importante precedente na protección dos dereitos dos pacientes", así como "na responsabilidade das institucións sanitarias en casos de neglixencia médica". Ademais, a familia da menor expresa a súa satisfacción con este veredicto e espera que "contribúa a mellorar os protocolos médicos e a previr situacións similares no futuro".