Moi poucos xuízos e menos condenas, respostas até agora fronte ao "terror incendiario"

Incendio nas Neves. Foto: CRTVG

O discurso a Partido Popular é claro. O lume prende e esténdese en Galiza a causa dos "incendiarios". "Terrorismo", "horror pirómano", "actividade delictiva", "inmensa intención de facer dano", son termos que poboan as declaracións dos altos cargos da Xunta. Mais o certo é que, ano após ano, vaga de incendios após vaga de incendios, as detencións e denuncias de presuntos autores desembocan en moi poucos xuízos e aínda menos condenas.
 

Os datos da memoria da fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que dirixe Álvaro García Ortiz, así o ratifican. Dos 205 procedementos abertos en 2016, só 28 chegaron a xuízo. A maiores, as setenzas máis habituais -o pasado ano publicáronse 34, aínda que referidas a procesos incoados en exercicios anteriores- son en boa parte consecuencia da queima de malas herbas e restoballo sen os preceptivos permisos.

 

O propio García Ortiz avisaba esta mañá nunha entrevista na Cadea Ser da necesidade de "non especular" sobre se os incendios son "intencionados ou non". Contrastaba o seu chamado á prudencia co discurso de Alberto Núñez Feijóo, quen non dubidaba en falar, á saída do Consello da Xunta extraordinario da maña desta segunda feira, de "actividade incendiaria moi forte" e de que "os criminais que fixeron isto pagarán".

 

A estratexia do Partido Popular e as institucións que controla, compañía pública de radio e televisión e medios afíns incluídos, resultaba diáfana desde onte. A conselleira de Medio Rural Ángeles Vázquez esforzábase hai xa dous meses por se desentender de calquera responsabilidade no grande incendio de Verín e tildábao de "atentado". Esta mesma mañá repetía a inane, e intencionada, descrición nunha canle radiofónica estatal: "Os incendios foron intencionados. O monte non se suicida só". Desde a pasada sexta feira prenderon máis de 260 focos en Galiza.

 

O discurso da Xunta e do PP é diametralmente oposto ás lóxicas científicas dos expertos. O dirixente ecoloxista Fins Eirexas, de Adega, cualifícao de "ridículo". "O número de condenas por incendios é moi baixo, o que nos leva a pensar que na ecuación do lume, que todos sabemos que ten moitos factores", expón, "o da piromanía posúe unha dimensión moi pequena. Haberá que buscar outras causas, como por caso a política forestal, e non lle botar as culpas a Portugal nin a un furacán".

 

A mencionada política forestal, unha discutíbel ordenación do territorio e a despoboación do rural, os intereses das pasteiras, a privatización e precarización dos servizos de prevención e extinción do lume e mais das emerxencias, e, ao fondo, os síntomas do cambio climático, son arestas moito máis aguzadas dun problema estrutural e, por iso mesmo, recorrente.