Reclaman eliminar a contención mecánica en pacientes psiquiátricos
No Día dos Dereitos Humanos Nós Diario conversa coa voceira do Movemento Galego de Saúde Mental, Rosa Cerqueiro Landín sobre a necesidade de eliminar a contención mecánica na atención á saúde mental, unha práctica que sinala como un retroceso democrático nas liberdades dos pacientes.
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) promoveu onte, venres 9 de decembro, un acto baixo o título "Saúde Mental sen ataduras. Contencións cero" co gallo do Día dos Dereitos Humanos. Unha efeméride que celebran cada ano e que neste 2022 recaeu na cidade de Lugo.
Cun acto simbólico no que amosaron unha persoa recibindo contención física, isto é, permanecendo atada de mans, pés e torso durante tempo indefinido, buscaban denunciar a persistencia de prácticas coercitivas na atención á saúde mental. Foi obxectivo do acto tamén "sensibilizar a sociedade sobre as consecuencias lesivas que estas prácticas teñen na vida e dignidade das persoas", sinalan desde o colectivo.
En conversa con Nós Diario, a voceira do MGSM, Rosa Cerqueiro Landín, afirma que a existencia do uso de contencións físicas de persoas ingresadas é unha práctica considerada como vulneración xa desde o ano 2008, cando as Nacións Unidas asinaron a Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. "Imos con atraso", sentenciou a voceira.
Cerqueiro recorda que os Estados asinantes da Convención (entre eles, o español) teñen que "dispoñer os recursos necesarios en canto a cambios de espazos [...] e cambios no modelo de atención, máis respectuosos", que promovan a erradicación da contención mecánica. Reclaman tamén máis transparencia: "sendo un acto que vulnera e limita dereitos, debera haber unha notificación e un rexistro" que xustifique a contención.
Desde o MGSM defenden que é posíbel outro modelo de atención á saúde mental. "Non o dicimos nós, estamos dicindo o que levan anos xa dicindo a ONU, o Consello de Europa e distintos organismos internacionais. Hai suficiente experiencia internacional de estados que realizaron outro tipo de formas de traballar en saúde mental que supoñen a eliminación da contención mecánica, e foron un éxito" relatou Cerqueiro a Nós Diario.